A Xunta somete a consulta pública o borrador de decreto polo que se rexerán os contratos temporais de xestión pública dos montes e o fondo de melloras

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o correspondente anuncio da Consellería do Medio Rural, que establece un prazo de información pública de vinte días hábiles contados desde mañá, día seguinte ao da publicación no DOG

Santiago de Compostela, 29 de setembro do 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural co que se acorda someter a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o regulamento que rexerá os contratos temporais de xestión pública dos montes e o fondo de melloras. O prazo de información pública deste borrador será de vinte días hábiles contados desde mañá, día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.

A primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, establece nun dos seus eixos as directrices para a reorientación da xestión forestal pública en Galicia. Este plan prevé mecanismos e criterios para a cancelación e finalización dos actuais convenios e consorcios, que datan do século XX, así como o deseño e especificacións de novos contratos temporais de xestión pública dos montes. O obxectivo é asinar, antes de finais de 2025, contratos que sumen entre 150.000 e 200.000 hectáreas de xestión pública baixo esta figura.

Este decreto baséase na necesidade de superar os modelos anteriores de convenios e consorcios centrados exclusivamente na repoboación, enfocando a xestión pública na multifuncionalidade e na xestión forestal sustentable do monte e destacando o papel central dos titulares de dereitos de aproveitamento, nomeadamente as comunidades de montes veciñais en man común.

O decreto tamén establece un fondo de melloras que permitirá incrementar os investimentos nos montes de xestión pública mediante tres seccións: montes catalogados de dominio público, montes patrimoniais da Comunidade Autónoma e montes con contratos temporais de xestión pública.

En resumo, este decreto ten como obxectivo primordial promover a xestión sustentable dos montes en Galicia e garantir unha administración eficiente dos recursos forestais. Contribuirá ao desenvolvemento económico, á loita contra o reto demográfico e ao equilibrio territorial. Con este anuncio, o proxecto de decreto estará dispoñible no Portal de Transparencia e Goberno Aberto para consulta pública, e invítase a todos os interesados a participar no proceso de consulta antes da súa aprobación final.

Data de actualización: 29/09/2023