O conselleiro do Medio Rural da Xunta reuniuse en Valladolid co seu homólogo de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio da Junta de Castela e León

Galicia e Castela e León reafirman a súa aposta conxunta por un sector forestal sustentable desde o punto de vista ambiental, económico e social

José González, abriu a porta á celebración dun Congreso de Xestión Forestal e Silvicultura en Galicia no que poidan participar diferentes Administracións, co fin de configurar un frente común

Ademais, puxo en valor o importante peso que o sector forestal ten en ambas comunidades, que salientan polo elevado volume de cortas de madeira, un eido no que Galicia acumula a metade de toda España e Castela e León está entre as tres primeiras

Reafirmou tamén a defensa que fai a Xunta dos sistemas voluntarios de créditos de carbono, como vía fundamental para mitigar o cambio climático e tamén como forma de asegurar o futuro sostible deste eido produtivo

Salientou a colaboración de ambos territorios na iniciativa europea Interreg-POCTEP Interlumes, que suporá un investimento duns nove millóns de euros e que permitirá a creación dunha base aérea transfronteiriza anti incendios en Verín e Oímbra

Valladolid, 28 de setembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo sobre política forestal co conselleiro de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio da Junta de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones. Na reunión tamén participaron, por parte galega, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

Segundo explicou o conselleiro José González, o encontro serviu para avanzar nunha fronte común entre ambas comunidades autónomas a prol do sector forestal que, salientou, ten un peso moi importante nos dous territorios. Así, lembrou o conselleiro, en Galicia rexístranse anualmente a metade das cortas de madeira de toda España e Castela e León ocupa tamén un lugar moi destacado no ranking nacional, situándose entre as tres primeiras autonomías nesta materia.

Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de traballar en equipo e facer “un frente común” abrindo a porta á celebración dun Congreso de Xestión Forestal e Silvicultura en Galicia, no que se buscará a participación de todas aquelas Administracións que coma a nosa lle dean a importancia que merece a este sector. 

Tripla sustentabilidade

Esta aposta explícase, tal como sinalou González, no enfoque compartido entre Galicia e Castela e León e que está centrado na tripla sustentabilidade do sector: ambiental, económica e social, tendo en conta a súa capacidade de creación de riqueza e emprego no rural. Neste sentido, engadiu que cómpre falar de recurso, pero tamén de industria, na liña das políticas da Xunta enmarcadas no Plan Forestal e tamén no Plan Estratéxico da Industria Forestal-Madeira.

Así, o conselleiro indicou que o obxectivo destas políticas é responder ás necesidades e demandas da realidade do tecido industrial de Galicia, unha finalidade que só se pode acadar a través da co-gobernanza e o traballo conxunto con entidades implicadas de cheo no sector.

En parecidos termos, afondou en que a multifuncionalidade do monte, dende a tripla perspectiva ambiental, social e económica, debe ser “equilibrada”. E que por iso se aposta polo aproveitamento do recurso como mellor solución para loitar contra o cambio climático, antes que polos procesos de re-naturalización, que conducen ao abandono.  

Nesta liña, e precisamente para frear o abandono, reiterou tamén a aposta de Galicia por xerar modelos forestais que contemplen a diversidade de especies, produtos (madeira, cogomelos, resinas), servizos (turismo, auga e chan, saúde) e destinos (téxtil, estrutural, embalaxes).

Créditos de carbono

Neste contexto, José González reafirmou tamén a defensa que fai a Xunta dos sistemas voluntarios de créditos de carbono, como vía fundamental para mitigar o cambio climático e tamén como forma de asegurar o futuro sustentable deste eido produtivo. Abondou ademais en que Galicia e Castela e León consideran, a diferenza do Estado, que a xestión forestal sostible e activa, así como a redución da pegada de carbono mediante a substitución con materiais baseados en madeira é o camiño a seguir.

Por iso, engadiu o conselleiro, ambas comunidades non comparten o criterio de restrinxir as superficies inscritas nos mercados de carbono voluntario ás zonas incendiadas, xa que se considera que isto pode ter un “efecto chamada” ao lume.

Precisamente, a loita contra os incendios forestais foi outro tema abordado nesta xuntanza. Así, o conselleiro puxo en valor a colaboración entre ambas comunidades na iniciativa europea Interreg-POCTEP Interlumes, que suporá un investimento de máis de nove millóns de euros. O maior fito dentro deste proxecto é a posta en marcha dunha base de medios aéreos transfronteiriza nos concellos ourensáns de Verín e Oímbra, cuxas obras evolucionan favorablemente, tal e como puido comprobar días atrás o propio conselleiro, segundo comentou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023