Sanidade acolle unhas xornadas para profesionais e estudantes nas que se analizarán as conductas aditivas

Na inauguración, a directora xeral de Saúde Pública destacou, entre os temas a tratar, a abordaxe das adiccións comportamentais en poboación infanto-xuvenil; a profundización dos aspectos relacionados coa prevención de uso problemático das redes sociais e os videoxogos; e as características principais e formas de consumo do cánnabis

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, inaugurou hoxe a 24ª Escola de Outono da Sociedade Científica Española de Estudos sobre o Alcohol, o Alcoholismo e as outras Toxicomanías (Socidrogalcohol), que se celebran os días 28, 29 e 30 deste mes. No acto estivo acompañada de Manuel Isorna Folgar, presidente de Socidrogalcohol Galicia.

Estas xornadas formativas e divulgativas de Socidrogalcohol van permitir realizar unha análise das condutas adictivas desde a evidencia científica avalada pola experiencia clínica de profesionais de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional.

Este evento científico e formativo, destinado e dirixido a profesionais e estudantes de ciencias afíns ás condutas adictivas, consta de nove talleres que abordan temáticas da máis próxima actualidade nestas condutas, co aval da declaración de interese científico sanitario, así como tamén a acreditación con créditos de formación continuada.

Na súa intervención, Carmen Durán agradeceu a Socidrogalcohol esta iniciativa para traer estas xornadas a Galicia, “que estou segura que redundarán en achegar unha formación de calidade aos profesionais da nosa comunidade”.

A directora xeral resaltou a participación nestas xornadas da Escola Galega de Saúde Pública, creada en xuño do pasado ano como unha iniciativa orientada a fomentar a formación e investigación científica en materia de saúde pública, “e necesaria para dar resposta aos desafíos e perigos para a saúde da poboación ante ameazas sanitarias globais”.

A Escola Galega de Saúde Pública configúrase, -remarcou Carmen Durán-, como un instrumento de participación, intercambio de coñecementos, experiencias e aprendizaxe compartido en materia de saúde pública. “Leva pouco tempo de andaina e experiencia, pero con moitas ganas e ilusión para mellorar a formación sobre saúde pública en Galicia”.

Con esta iniciativa de creación da Escola, “consolidamos a obriga das administracións públicas de garantir que os profesionais que interveñen en saúde pública estean debidamente cualificados e favorecer que dispoñan dunha formación continua adecuada ao seu nivel de responsabilidade”.

Temas destacados

Aínda que todos os temas son sumamente interesantes, Carmen Durán resaltou o da abordaxe das adiccións comportamentais en poboación infanto-xuvenil, en relación coa identificación de factores de risco e protección, diagnóstico e técnicas de avaliación e intervención psicolóxica; a profundización dos aspectos relacionados coa prevención de uso problemático das redes sociais e os videoxogos; e o cánnabis, características principais e formas de consumo, problemática física, psicolóxica e social.

Tamén resaltou a representante da Consellería de Sanidade a formación nas xornadas sobre a submisión química e o chemsex.

Todos estes temas, -subliñou Carmen Durán-, “preocúpannos desde un punto de vista da saúde pública, por iso é necesario que se realice unha adecuada formación para unha correcta intervención”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023