A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e o director xeral de Inclusión Social participaron na inauguración dunha tenda de segunda man no hipermercado de Vigo

A Xunta salienta o compromiso de Cáritas e Alcampo pola economía circular coa reutilización de prendas de vestir

A iniciativa ten como obxectivo impulsar o mercado da roupa de segunda man, práctica que contribúe á diminución do residuo que xeran as prendas desbotadas e á inclusión sociolaboral de grupos en situación de vulnerabilidade

Vigo, 28 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia salienta o compromiso de Cáritas e Alcampo pola economía circular e a reutilización de roupa como mostra a apertura dunha tenda de segunda man impulsada polo hipermercado e Córner Moda re-, coa colaboración de Cáritas Tui-Vigo, na que participaron a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Sagrario Pérez; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Esta tenda permitirá acceder a centos de prendas de vestir procedentes dos contedores de Cáritas, fomentando así unha práctica que contribúe a diminuír o residuo xerado pola roupa desbotada e á inclusión de grupos en situación de vulnerabilidade.

A maiores, trátase dun proxecto que dá prioridade á contratación de persoas en risco de exclusión social, axudándoas a incorporarse ao mercado laboral. Ao mesmo tempo, tamén ten como obxectivo concienciar á clientela dos beneficios medioambientais que proporciona dar unha segunda vida á roupa usada.

Neste senso, a Xunta puxo en valor este tipo de iniciativas que, ademais do respectuosas que son co entorno natural, cumpren un importante labor de sensibilización sobre a importancia da reutilización e a compra responsable de prendas de vestir.

Así mesmo tamén se agradeceu a Cáritas Tui-Vigo pola importante labor social que realizan nesa cidade, así como a empresa Alcampo pola seu compromiso en favor da inclusión social ao apoiar esta iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023