Trenor clausurou os obradoiros de emprego de Ordes e da mancomunidade no que se formaron 40 desempregados para mellorar a súa empregabilidade

O representante do Goberno galego subliñou que estas accións brindan oportunidades aos seus beneficiarios ao abrirlles unha porta ao mundo laboral e contribuír a mellorar os servizos que se ofrecen nas contornas onde se celebran

Ordes (A Coruña), 28 de setembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, clausurou, esta mañá, os obradoiros de emprego de Ordes (compartido con Frades e Mesía) e o da Mancomunidade de Ordes, que este ano formaron en total 40 persoas en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, en instalacións de placas de xeso laminado e falsos teitos e en montaxe e instalacións de construcións de madeira.

Trenor felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”.

Grazas a un investimento de 1 millón de euros entre os dous talleres, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu a formación de 40 alumnos-traballadores. Estas accións brindan oportunidades aos seus beneficiarios ao abrirlles unha porta ao mundo laboral e contribuír a mellorar os servizos que se ofrecen nas contornas onde se celebran, puntualizou o representante do Goberno autonómico.

Na clausura, o delegado da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego de garantía xuvenil dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2023-2024, que permitirá a realización dun total de 6 talleres na provincia da Coruña, onde participarán alumnos e alumnas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego nestes talleres na provincia da Coruña máis de 2,5 millóns de euros e na comarca da Coruña, máis de 840.000 euros.

O delegado da Xunta informou de que, en breve, se notificarán os talleres de emprego duais nos que a Xunta fará un gran esforzo para atender a demanda de todos os concellos.

O representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas.  

Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar á nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolver un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, despois de 12 meses, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023