O delegado territorial da Xunta clausura o Obradoiro Dual de emprego de Vilanova co 50% dos participantes empregados

Os Obradoiros Duais de Emprego combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas

O delegado territorial lembrou que para este curso poranse en marcha máis de dez novos obradoiros na área territorial de Pontevedra, grazas a unha inversión da Xunta de preto de sete millóns de euros
 

Vilanova de Arousa, 28 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do Obradoiro de emprego dual financiado pola Xunta con máis de medio millón de euros no concello de Vilanova de Arousa.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se dividiron entre as especialidades de Promoción turística local e atención ao visitante e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Os resultados foron máis que satisfactorios para o alumnado, tanto é así que tras un ano de formación teórica e práctica realizando todo tipo de traballos no propio Concello, a metade dos participantes xa conseguiron un emprego nas áreas na que foron formados e moitos outros decidiron continuar cos seus estudos na materia.

Neste sentido, cabe destacar que varias empresas se puxeron en contacto cos responsables da organización do curso para xestionar a contratación de máis estudantes.

O delegado territorial quixo felicitar a todos os participantes polo seu gran desempeño, pero tamén ao profesorado e ao propio concello pola organización e bos resultados obtidos. “Os obradoiros duais de emprego teñen demostrado ser de gran utilidade para as centos de persoas que se benefician deles na provincia de Pontevedra. Son unha ferramenta estupenda para quen quere formarse e empezar a traballar, pero está claro que a ferramenta non é suficiente, fai falta xente que saiba sacarlle todo o proveito, e obvio que o obradoiro levado a cabo en Vilanova é un exemplo de saber facer”.

Cabe destacar que durante todo o curso o alumnado compaxinou as clases teóricas coas prácticas remuneradas. Estas prácticas reverteron ademais a favor da totalidade dos habitantes do Concello. O estudantado empregouse no mantemento de xardíns e zonas verdes e na organización de todo tipo de actividades turísticas como visitas teatralizadas ou elaboración de folletos.

Reguera aproveitou para lembrar que este ano vanse levar a cabo máis dunha decena de novos obradoiros nos concellos da Área Territorial de Pontevedra, por unha inversión de preto de sete millóns de euros. Entre eles volve estar o concello de Vilanova, que nesta ocasión impartirá cursos de Cociña e Servizos de bar e restaurante. “Volveremos aquí o ano que ven para celebrar que o obradoiro volveu cumprir co seu obxectivo e que boa parte dos participantes saen deste curso con emprego, ou polo menos coa intención de seguir formándose para ser grandes profesionais”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023