A Xunta promove un encontro en Ferrol para dar resposta aos retos das empresas galegas no ámbito dos novos materiais

A iniciativa, que se celebrou hoxe no marco do Programa Ignicia, busca propiciar conexións entre empresas e centros de coñecemento do Sistema Galego de I+D+i

A iniciativa tivo como obxectivo acadar proxectos de valorización no campo dos materiais avanzados, como os aplicados á acumulación enerxética ou a xestión de residuos, entre outros

Representantes de 23 firmas mantiveron reunións con persoal investigador nunha xornada de networking que tivo lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño
 

Ferrol, 28 de setembro de 2023

Un total de 23 empresas participaron hoxe no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol no “Encontro de transferencia e innovación en novos materiais”. O obxectivo desta iniciativa, desenvolvida pola Xunta e a Fundación Barrié no marco do Programa Ignicia, é propiciar conexións entre empresas e centros de coñecemento que poidan dar lugar a proxectos de valorización e transferencia no campo dos materiais avanzados, como, por exemplo, os aplicados á acumulación enerxética, a funcionalización de superficies e a xestión de residuos, entre outros.

Así, no marco desta xornada de networking, as firmas galegas mantiveron entrevistas personalizadas con 14 centros tecnolóxicos e grupos de investigación, entre os que se encontran o Ctag, Cetim, Anfaco ou Aimen e representantes das tres universidades galegas, tras un proceso previo de identificación de retos empresariais e das capacidades científico-tecnolóxicas dos centros do Sistema Galego de I+D+i que respondesen ás necesidades formuladas polas empresas.

Os materiais avanzados abren un amplo abano de oportunidades de innovación en diversas industrias de distintos sectores. Propiedades como a resistencia, a lixeireza, a durabilidade e as propiedades térmicas e eléctricas melloradas permiten o deseño de produtos diferenciais de alto valor engadido, a optimización de procesos e o incremento da produtividade e a seguridade. Así mesmo, permiten avanzar cara a un futuro máis sustentable e orientado á economía circular, onde a eficiencia, a conservación de recursos e a redución de impacto ambiental son piares fundamentais para o desenvolvemento industrial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023