Rueda destaca que a Conta Xeral ratifica que en 2022 Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e débeda fixados no seu orzamento

Rueda resalta que estes datos amosan que Galicia é unha comunidade “cumpridora e reponsable no manexo dos fondos públicos”

Salienta que se rematou o exercicio cun déficit do 0,5 % do PIB, por debaixo do previsto inicialmente

Galicia pechou o ano cunha taxa de endebedamento do 17,2 % sobre o PIB

Destaca que Galicia é a comunidade do rexime común “que menos incrementou a súa débeda desde 2008”

En 2022 a Xunta acadou unha execución do orzamento de gasto non financeiro por riba do 99 %, que superou o 105 % nos gastos correntes
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2022, que mostra que “Galicia cumpriu os obxectivos de déficit e de débeda pública recollido no seu orzamento”. “Isto constata que Galicia é unha comunidade cumpridora e responsable no manexo dos fondos públicos, é dicir, en non gastar o que non se ten e facer unha política con sentidiño respecto ao endebedamento”, indicou o titular do Goberno galego.

Tal e como explicou Rueda, o documento presentado hoxe no Consello mostra que o Goberno galego pechou o exercicio cun déficit do 0,5 % do PIB -é dicir, unha décima menos do previsto inicialmente- e cunha taxa de endebedamento do 17,2 %, tres décimas por debaixo do previsto.

En concreto, Galicia pechou o 2022 cunha execución do orzamento consolidado do 99 % e un déficit orzamentario de 377 M€. O déficit do 0,5 % é unha décima superior ao avanzado no mes de abril derivado de cambios de criterio por parte do Goberno central e por axustes contables.

“Galicia foi no 2022 a terceira comunidade de réxime común con menor déficit e tamén a comunidade de réxime común que menos incrementou a súa débeda desde 2008”, salientou.

A Conta Xeral tamén mostra que o ano pasado a Xunta foi capaz de acadar unha execución do orzamento consolidado de gasto do 99 %, un indicador aínda maior -do 105,5 %- no gasto corrente, que engloba todo o gasto social da Administración galega, especialmente o gasto sanitario, educativo e no eido dos servizos sociais.

Período medio de pago

Na Conta Xeral pódese apreciar que Galicia non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos de déficit e de débeda, senón que tamén foi unha das que liderou o tempo de pagamento a provedores. En concreto, no remate de 2022 o período medio de pagamento de Galicia foi de 14,9 días, fronte aos 25 de media das comunidades autónomas, o que confirma que Galicia pagou as súas facturas case na metade de tempo que o conxunto das comunidades. “Galicia é a terceira comunidade que mellor pagou aos provedores”, indicou.

Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas é o aforro bruto, medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes. Este indicador mostra que as finanzas galegas reservan arredor do 5% dos seus ingresos correntes (489 M€) para financiar operacións de capital que contribúen á mellora económica de Galicia no medio prazo.

En canto ao esforzo investidor, o ano pasado Galicia destinou o 13 % do total do gasto non financeiro a investimentos.

Con estes indicadores, tal e como subliñou Rueda o Executivo galego reafirma a súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración.

A Xunta de Galicia remitirá agora a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023