A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, María Francisca Gómez, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta critica que o Goberno central modifique a Lei de Dependencia sen consenso e sen financiamento

Advirte que a aplicación literal da reforma suporía reducir as prestacións que perciben persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e de centro de día

Denuncia que o Executivo central está moi lonxe de sufragar o 50% do custe do sistema de atención ao que obriga a Lei de Dependencia
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia criticou hoxe a ausencia de diálogo, o descoñecemento e a falta de financiamento da reforma da Lei de Dependencia aprobada polo Goberno central. Así o sinalou a secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, María Francisca Gómez na Comisión 5ª de Política Social, Sanidade e Emprego.

A secretaria xeral expuxo algunhas contradicións que ten esta reforma como, por exemplo, o feito de que estableza importes mínimos en servizos e prestacións que antes non os tiñan e que, ademais, son inferiores aos fixados en Galicia. Isto suporía que, no caso de aplicarse na súa literalidade, as persoas usuarias de libranza de Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e de centro de día percibirían importes inferiores aos que teñen na actualidade.  

Ademais, María Francisca Gómez fixo fincapé en que o Executivo central non achega fondos para aplicar os cambios na normativa da atención á dependencia, polo que “o Goberno convida e as Comunidades Autónomas pagan”, dixo. Ao respecto, indicou que “chove sobre mollado”, lembrando que o Goberno central está moi lonxe de participar no 50% de financiamento que establece a Lei de Dependencia e, a día de hoxe, Galicia segue asumindo o 70% do custe dos servizos e prestacións por soamente o 30% que achega a Administración Xeral do Estado. 

Electoralismo

A secretaria xeral técnica da Consellería cualificou de “electoralista” esta reforma, publicada catro días antes dos comicios do 23 de xullo sen avisar ás Comunidades Autónomas, sen saber se as administracións autonómicas e locais que as xestionan están en condicións de facelo e sen financiamento.

María Francisca tamén apuntou os avances que se produciron nos últimos anos en Galicia na atención á dependencia. Así, informou de que a nosa comunidade é a terceira na porcentaxe máis alta de persoas atendidas e que nos vindeiros días entrará en vigor o novo Decreto da Dependencia, que mellorará o acceso aos servizos e prestacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023