A xornada final celebrada hoxe en Muxía contou con diferentes faladoiros que presentaron o proxecto e resumiron as accións levadas a cabo

A Xunta clausura o proxecto de cooperación Paisaxes Intelixentes en colaboración cos grupos de desenvolvemento rural

Na iniciativa participaron os GDR Costa da Morte, Ribeira Sacra-Courel, Comarca de Ordes, Terras de Compostela e a Asociación de Desenvolvemento Local Deloa

O orzamento total do proxecto foi de 166.600 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural

Muxía (A Coruña), 27 de setembro de 2023

A Xunta clausurou o proxecto de cooperación “Paisaxes Intelixentes” en colaboración cos grupos de desenvolvemento rural. Esta iniciativa chegou hoxe a súa fin tras executar as súas actividades entre o pasado ano e o presente. Nesta xornada final, celebrada en Muxía, compartíronse cos asistentes a visión global deste proxecto, os seus obxectivos previstos e aquelas accións que se levaron a cabo na Costa da Morte nos últimos meses.

Así, nesta acción de cooperación participaron os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte, Ribeira Sacra-Courel, Comarca de Ordes, Terras de Compostela e a Asociación de Desenvolvemento Local Deloa. Tamén colaboraron no desenvolvemento do proxecto outras tres entidades: unha asociación, unha fundación e un monte veciñal en man común.

Deste xeito, e dada a temática do proxecto, promovéronse as figuras de mobilidade da terra agraria como mecanismos clave para recuperar a paisaxe, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais. Así, ao longo da tarde sucedéronse diferentes faladoiros impartidos por representantes dos GDR, que presentaron o proxecto e explicaron o seu funcionamento. O orzamento total do proxecto foi de 166.600 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural.

Alfredo Fernández, subdirector de Mobilidade de terras e representante da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, clausurou o evento poñendo en valor a importancia de iniciativas coma estas, que contribúen á dinamización do rural galego.

Precisamente, este proxecto de cooperación enmárcase dentro das convocatorias de axudas para proxectos de cooperación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, co obxectivo de que os 24 grupos de desenvolvemento rural colaboren entre si con proxectos que teñan intereses comúns e que favoreza a aprendizaxe mutua e busca de solucións comúns aos problemas concretos que se abordan. Na última convocatoria para o ano 2022-2023 destinouse preto de un millón de euros para este tipo de iniciativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023