A Xunta e a Comisión Europea debaten sobre o fomento da aprendizaxe permanente e a capacitación profesional

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE inaugurou o sexto encontro do ano do ciclo ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’

Neste novo encontro organizado pola Fundación Galicia Europa abordáronse as prioridades de Galicia no marco do Ano Europeo das Capacidades

Bruxelas, 27 de setembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá a sexta sesión do ano do ciclo de encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia, que puxo o foco no Ano Europeo das Competencias, inaugurado o pasado 9 de maio coincidindo coa celebración do Día de Europa.

O director xeral remarcou a importancia de fomentar a aprendizaxe permanente e a capacitación a nivel europeo, posto que máis das tres cuartas partes das empresas europeas afirman ter dificultades para encontrar persoal coas competencias necesarias e só o 37% dos adultos reciben formación de maneira periódica. Jesús Gamallo resaltou, ademais, como o Ano Europeo das Competencias desexa impulsar algúns dos obxectivos sociais da Unión Europea, como conseguir que polo menos o 60% dos adultos participe en actividades de formación cada ano e que polo menos o 78% teña traballo ou que o 80% conte con capacidades dixitais básicas.

Para indagar nas prioridades do Ano Europeo das Competencias, a sesión contou coa intervención de Marta Camiñas, asesora de políticas na Dirección Xeral de Emprego e Asuntos Sociais da Comisión Europea. Tras o seu relatorio, abordouse a perspectiva galega da man da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, quen presentou a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, inspirada na Axenda Europea das Capacidades. Cabe sinalar que a aprobación desta iniciativa no 2021 converteu Galicia na segunda rexión europea en ter unha estratexia específica no eido da capacitación laboral. É, segundo apuntou, un pacto baseado na colaboración público-privada que está a permitir, entre outros, unha oferta de microformacións que están a demandar as empresas e que va en liña como modelo europeo.

Encontros virtuais coas institucións europeas

O ciclo de encontros FGE | NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente a Xunta con representantes das institucións europeas para abordar as políticas impulsadas desde a Unión Europea. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.  

Data de actualización: 27/09/2023