A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento as principais demandas que a Xunta lle trasladará na reunión do próximo 4 de outubro

A Xunta solicitará ao secretario de Estado de Infraestruturas un calendario certo e concreto sobre a chegada dos trens Avril que garantan un AVE galego completo e competitivo

Vázquez Mourelle salienta que a Xunta realizou un estudo rigoroso que indica a necesidade de dispoñer de 7 trens Avril e 6 frecuencias diarias para garantir o servizo de AVE tamén ás cidades da Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra

Lamenta a acumulación de “retraso sobre os xa retrasos” nas datas anunciadas para o funcionamento destes trens, que todo parece indicar que se van retrasar novamente ata o vindeiro ano, tendo en conta as informacións que alertan sobre a falta de maquinistas

Tacha dun sen sentido que non se recuperaran aínda todos os servizos ferroviarios previos á pandemia, como nos eixes Lugo-Ourense, Ourense-Vigo ou Lugo-A Coruña onde as frecuencias teñen pasado de 12 diarias a tan só 4

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

A Xunta solicitará ao secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana un calendario certo e concreto sobre a chegada dos trens Avril que garantan un AVE galego completo e competitivo.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, enumerou hoxe no Parlamento as principais demandas que o vindeiro día 4 de outubro a Xunta lle trasladará ao representante do Goberno de España.

 

Entre elas,  destacou o que é a prioridade número un en materia de infraestruturas ferroviarias: a dotación de trens Avril de ancho variable que permitan que a alta velocidade pase de Ourense e chegue ás cidades da Coruña, de Santiago, de Vigo e de Pontevedra.

 

Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta realizou un estudo rigoroso que determina a necesidade de Galicia de dispoñer de 7 trens Avril, que permitan cumprir os tempos de viaxe comprometidos entre Madrid e as catro cidades que neste momento están en disposición de beneficiarse deste servizo, ademais das frecuencias axeitadas, 6 diarias. Ese estudo realizado pola Xunta xa foi trasladado ao Ministerio de Transportes hai tempo.

 

Na súa intervención, a conselleira de Infraestruturas lamentou que o Goberno acumule “retraso sobre os xa retrasos” nas datas anunciadas para o funcionamento dos trens Avril e advertiu que a súa entrega se pode adiar, novamente, ata o vindeiro ano, tendo en conta as informacións publicadas, que alertan da falta de maquinistas.

 

Ethel Vázquez incidiu en que na reunión da vindeira semana co secretario de Estado de Infraestruturas a Xunta demandará “o que é xusto para Galicia”, para que a alta velocidade chegue ao resto de cidades galegas, incluíndo as de Lugo e Ferrol nuns prazos razoables.

 

Salientou que a demanda dos trens Avril non é un capricho, senón unha necesidade para que a alta velocidade poida pasar de Ourense, e tamén porque se necesitan poñer máis prazas á disposición dos usuarios. Explicou que eses trens dispoñen de maior capacidade polo que, aínda mantendo a oferta actual -que é necesario ampliar-, se incrementaría nun 65 % o número de prazas dispoñibles.

 

Ethel Vázquez tachou de sen sentido que non se teñan recuperado aínda todos os servizos de tren previos á pandemia, máis cando se está a dar un forte incremento da demanda, derivada do inicio do curso escolar e fomentada polos bonos ferroviarios gratuítos de media distancia. Referiuse á perda de frecuencias en eixes ferroviarios como Lugo-Ourense, Ourense-Vigo ou Lugo-A Coruña, conexión esta última onde se perderon o 65 % das frecuencias, pasando de 12 diarias a tan só 4.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade amosouse crítica coa resposta que está a dar Renfe aos usuarios xa que, ante máis demanda, na vez de reforzar os servizos, responde con menos trens, menos frecuencias e menos persoal. E isto, engadiu, o que provoca é un transvase dos viaxeiros do tren, que non atopan praza nin frecuencias nos servizos ferroviarios, cara ao autobús, cuxos servizos presta a Xunta.

 

Ethel Vázquez lembrou que nos primeiros oito meses do ano o transporte público autonómico contabilizou un incremento do 18 % con respecto ao mesmo período de 2022, unha suba que chegou ata o 62 % en liñas como a de Lugo-Ourense-Vigo.

 

Tamén apuntou o récord de viaxeiros rexistrado o pasado día 15 de setembro, máis de 157.000 nunha xornada, o que fixo necesario poñer en circulación arredor de 200 autobuses de reforzo.

 

A conselleira indicou que a Xunta xa lle pediu ás concesionarias redobrar os esforzos para atender axeitadamente a demanda, coa ampliación, aínda máis, das prazas dispoñibles en horas e días punta, ben a través da disposición de autobuses de reforzo, ou co aumento de pazas dispoñendo autobuses con maior capacidade.

 

Contrapuxo este esforzo da Xunta e das concesionarias do transporte por estrada co que está a facer Renfe e o Goberno central: con falta de anticipación, falta de resposta e acumulación de problemas nos servizos ferroviarios, con continuos retrasos e avarías nos trens.

 

A este respecto, a conselleira lembrou a carta enviada a semana pasada ao presidente de Renfe na que o instaba a tomar as medidas necesarias para garantir un funcionamento axeitado dos servizos ferroviarios no territorio. Un dos asuntos que, xunto cos trens Avril e unha longa lista de temas que están pendentes, a Xunta abordará na reunión do vindeiro 4 de outubro.

Data de actualización: 27/09/2023