A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu hoxe unha pregunta no pleno do Parlamento

A Xunta mantén contactos con 5 dos concellos afectados pola presenza de xabarís en zonas urbanas para colaborar na instalación de gaiolas-trampa

Ángeles Vázquez avanza que Arteixo e Sada son os primeiros municipios galegos en solicitar acollerse ao procedemento impulsado polo Goberno galego para facilitar as capturas destes animais en lugares concretos de cidades e áreas metropolitanas

Lembra a decisión da Xunta de declarar a emerxencia cinexética temporal en 37 comarcas e anima ás entidades locais a primar os labores de roza para que estes animais non atopen zonas de refuxio e encame cerca dos núcleos urbanos

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

A Xunta e 5 concellos galegos afectados pola presenza de xabarís en zonas urbanas e perirubanas dos seus respectivos municipios mantiveron contactos nas últimas semanas co fin de empezar a colaborar na instalación de gaiolas-trampas que contribúan ao control das poboacións da especie en lugares nos que por razóns de seguridade outro tipo de accións non son unha opción.

Así o avanzou hoxe no Parlamento a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que no caso concreto de Arteixo e Sada xa se recibiu a solicitude formal de adhesión ao procedemento habilitado polo seu departamento para facilitar a colocación deste tipo de dispositivos.

Tras indicar que tamén se manteñen conversas neste sentido cos concellos de Cariño, Ferrol e A Coruña, resolvendo dúbidas e cuestións de carácter técnico sobre a medida, a vicepresidenta incidiu en que no caso concreto das zonas urbanas e periurbanas a Xunta non ten competencias e son as administracións municipais as responsables do mantemento e xestión destas áreas.

En todo caso e no marco da liña de colaboración que mantén o Goberno autonómico coas entidades locais en relación á xestión do xabaril, indicou que este ano se habilitou un novo procedemento de actuación pensado precisamente para poder intervir nas cidades ou en concellos das áreas metropolitanas afectados polas incursións deste tipo de animais silvestres.

Tal e como explicou a vicepresidenta, a medida consiste, naqueles concellos que decidan voluntariamente solicitalo e adherirse, na instalación de gaiolas-trampa en puntos concretos localizados en zonas urbanas e periurbanas que adoiten frecuentar os xabarís.

A Xunta, pola súa banda, prestará apoio técnico aos concellos, asumindo os gastos de adquisición, transporte e instalación das gaiolas e outorgando as correspondentes autorizacións. Os concellos, como máximos coñecedores do seu propio territorio, determinarán a localización máis axeitada para estas trampas e encargaranse da xestión completa dos animais capturados por esta vía, incluídos os gastos derivados.

“Todos debemos implicarnos”, salientou Ángeles Vázquez, que animou durante a súa intervención aos concellos afectados pola presenza de xabarís en zonas urbanas e periurbanas a acollerse ao procedemento habilitado pola Xunta e a primar, á vez, “os traballos de roza de matogueira” dentro dos seus termos municipais “para reducir as condicións de refuxio e encame” que moitas veces atopan os animais nestas áreas.

Así mesmo, lembrou que para facilitar e axilizar as medidas de control das poboacións de xabaril, a Xunta tomou a decisión de declarar o pasado 15 de setembro a emerxencia cinexética temporal en 37 comarcas galegas que abranguen 248 concellos.

Neste sentido, a vicepresidenta fixo fincapé en que se trata dunha medida de carácter excepcional e provisional, que complementa a caza regrada en terreos de réxime cinexético e as actuacións puntuais autorizadas tras a constatación de danos reiterados en zonas concretas, e na que tamén se prevé o recurso a gaiolas-trampa e outras medidas de control poboacional alternativas á caza en zonas non cinexéticas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023