Rivo revalida no Porriño a aposta pola formación laboral na clausura dun obradoiro de emprego que formou a 20 persoas desempregadas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de peche dunha acción na que o alumnado se formou en operacións básicas de cociña e atención a persoas dependentes

Destacou que estas accións de cualificación outorgan máis oportunidades laborais ás persoas desempregadas e permiten mellorar os servizos locais

No período 2023-2024, o investimento en obradoiros duais rozará os 40 millóns para chegar a uns 1.400 beneficiarios
 

O Porriño (Pontevedra), 27 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na clausura do obradoiro de emprego Prorremprego Cualifica, apoiado pola Xunta de Galicia e desenvolvido polo Concello do Porriño, no que 20 persoas desempregadas se formaron en operacións básicas de cociña e en atención sociosanitaria a persoas dependentes.

Grazas a un investimento de máis de medio millóns de euros a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu a formación dos alumnos-traballadores. Ademais de brindar oportunidades aos seus beneficiarios e abrirlles unha porta ao mundo laboral “estas accións contribúen a mellorar os servizos que se ofrecen nas contornas onde se celebran”, indicou Rivo.  

A conselleira destacou a capacidade destes talleres de emprego para vincular ás persoas co mundo laboral. Neste sentido subliñou que os 10 alumnos da especialidade de cociña puxeran en práctica os seus coñecementos co deseño e elaboración de menús en eventos municipais e centros de persoas maiores. Os outros 10 participantes formáronse na atención sociosanitaria en domicilio e institucións, unha área, na que, remarcou Rivo, faltan mans e capital humano.

Os obradoiros son ferramentas fundamentais para dotar á poboación de formación de calidade, ao tempo que se desenvolve un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, destacou a titular de Promoción do Emprego e Igualdade, quen lembrou que este ano a Xunta destina cerca de 40 millóns de euros a organizar talleres por toda Galicia cos que espera beneficiar unhas 1.400 persoas desempregadas.

A través dos obradoiros de emprego como o que hoxe conclúe no Porriño, ofrécese ao alumnado un período de 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran. Ao remate dos obradoiros, as alumnas e alumnos obteñen un  certificado de profesionalidade.

Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas desempregadas con dificultades para acceder ao mercado de traballo, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia coas entidades locais.  

Desde o ano 2009, Galicia leva destinados máis de 412 millóns de euros aos obradoiros, nos que se formaron máis de 17.700 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023