Diego Calvo inicia co Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar a rolda de contactos co sector para explicarlles o Bono Deporte

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou a importancia desta medida para aliviar a economía das familias “nun momento complicado marcado pola inflación”

A Xunta investirá máis de 15 M€ nesta iniciativa co obxectivo de beneficiar a máis de 130.000 familias cun bono de 120 euros para os gastos de deportistas de 6 a 16 anos

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, iniciou hoxe co Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar a rolda de contactos co sector para trasladarlles os beneficios para as familias do Bono Deporte, que a Xunta vai incluír nos orzamentos de 2024 cunha partida que superará os 15 millóns e coa previsión de que entre en vigor o próximo xaneiro.

No encontro de hoxe tamén participou o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e, por parte do Clúster, a xerente Sofía Toro, e o presidente da xunta directiva, José Amado. A Xunta e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar veñen colaborando na promoción da práctica deportiva e a actividade física en todas as franxas de idade.

O vicepresidente primeiro trasladou na reunión de hoxe que o Bono Deporte terá un valor de 120 euros e vai dirixido a deportistas con licencia federada ou do programa Xogade de entre 6 e 16 anos, co obxectivo de “axudar a aliviar o esforzo económico que supón para as familias galegas sufragar os gastos dos seus fillos e fillas que practican deporte”.

“Sabemos que moitas familias galegas están a pasar apuros para facerlles fronte aos gastos das actividades deportivas dos rapaces e rapazas, e queremos demostrar o noso apoio outorgando esta axuda”, asegurou Diego Calvo, que engadiu que esa iniciativa é tamén mostra do compromiso da Xunta co deporte base. “O deporte base é fundamental para a mocidade polos valores que engloba a práctica deportiva e por iso sempre fomentamos que todos os rapaces e rapazas teñan as máximas facilidades para practicar algunha disciplina”, apuntou o vicepresidente primeiro.

En definitiva, o Bono Deporte é un apoio importante nas compras de material e equipamento deportivo, a asistencia a clases ou a inscrición nun centro deportivo.

Diego Calvo explicou que, ademais da axuda económica que representa para os máis de 130.000 posibles beneficiarios, o Bono Deporte permitirá incentivar as compras no comercio galego.

A nivel deportivo, reforza a aposta da Xunta por fomentar hábitos de vida saudable desde as xeracións máis novas. Nesta liña, complementa outras medidas do Goberno galego como o programa Xogade, que busca promover a práctica da actividade física e deportiva entre a poboación escolar.

Precisamente o Goberno galego vén de publicar a nova edición do Xogade con 17 actividades e 39 federacións adheridas co obxectivo de revalidar o éxito do ano pasado. Galicia é pioneira ademais na posta en marcha dun seguro gratuíto de accidentes deportivos para os participantes neste programa cunha póliza de 4,3 millóns de euros ata 2024, que serve para garantir a seguridade dos deportistas.

 

Data de actualización: 27/09/2023