A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe no Parlamento das actuacións de seguimento da xestión das augas residuais xeradas nestas instalacións

A Xunta realizará en outubro unha nova inspección á mina de San Finx en Lousame para verificar se a empresa cumpre co seu deber de execución da depuradora

Vázquez Mourelle avanza que, no caso de constatarse a reiteración do incumprimento das condicións de vertido establecidas, farase efectiva a revogación da autorización

Subliña o cumprimento estrito por parte de Augas de Galicia da lexislación hidráulica na tramitación de todas as solicitudes, rexeitándose as que a incumpren, como a da mina de Varilongo en Santa Comba

Reitera que a instalación dunha depuradora para tratar as augas da mina busca garantir o cumprimento da normativa e velar pola calidade das augas do río Pesqueiras e da ría de Muros e Noia

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

A Xunta realizará en outubro unha nova inspección á mina de San Finx para verificar se a empresa cumpre co seu deber de execución da depuradora.

 

Así o trasladou hoxe no Parlamento de Galicia a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en resposta a unha pregunta sobre as actuacións de seguimento da xestión das augas residuais xeradas nestas instalacións, situadas no concello de Lousame.

 

Vázquez Mourelle avanzou que, no caso de constatar a reiteración do incumprimento das condicións de vertido establecidas, iniciarase o procedemento para facer efectiva a revogación da autorización para a depuradora.

 

A conselleira incidiu no cumprimento estrito da lexislación por parte de Augas de Galicia na tramitación de todas as solicitudes de autorización recibidas, denegándose as que non a cumpren, como foi o caso da mina de Varilongo, en Santa Comba.

 

A conselleira reiterou que no caso da mina de San Finx a Xunta autorizou a instalación dunha depuradora para tratar as augas procedentes dunha mina e garantir así que o que se verta ao río Pesqueiras e ao regato de Rabaceiros e, en consecuencia á ría de Muros e Noia, cumpre cos parámetros exixidos pola normativa vixente.

 

Salientou o labor de control que realiza a Xunta de xeito continuo, que permitiu detectar valores superiores aos permitidos en varios parámetros na contorna da mina, o que motivou a apertura dun expediente sancionador á empresa Tungsten San Finx, S.L.

 

Este expediente, segundo dixo Vázquez Mourelle, pode acabar, de incumprirse as condicións establecidas, nunha multa e na revogación da autorización para a execución da depuradora.

 

Ethel Vázquez lembrou que a autorización provisional está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos e á atención estrita das normas hidrolóxicas e de calidade ambiental.

 

Explicou que para garantir que as augas que se verten ao dominio público hidráulico se axustan ao establecido por lei, se obriga á empresa a poñer en funcionamento unha planta depuradora que trate axeitadamente esas augas, sempre baixo os requisitos establecidos.

Data de actualización: 27/09/2023