Xunta e concello de Campo Lameiro culminan a reforma integral do centro de saúde deste concello tras investir case 160.000 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e o xerente da área sanitaria visitaron hoxe o centro xunto co alcalde da localidade

As actuacións, executadas en dúas fases, melloraron a accesibilidade, a eficiencia enerxética e os espazos asistenciais do centro

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 115 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Campo Lameiro (Pontevedra), 27 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou hoxe xunto co alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e o xerente da área sanitaria, José Flores, as obras de reforma do centro de saúde deste concello que veñen de concluír recentemente a súa segunda fase.  

As actuacións rematadas inciden na eficiencia enerxética e na accesibilidade do edificio e consistiron na renovación das cubertas do soportal existente, na construción dun soportal cuberto para acceso dos pacientes desde a ambulancia, na substitución da carpintería exterior por outra con rotura térmica e dobre acristalamento, na modificación da rampla de acceso para cumprir coa normativa de accesibilidade, así como melloras da instalación eléctrica, reparación de radiadores e pintado exterior e interior de todo o edificio e colocación de falsos teitos en planta baixa. Tamén se rehabilitou a construción anexa que acollía a sala de caldeiras para crear unha nova sala, ampliando así os espazos asistenciais do centro.

O orzamento desta fase foi de mais de 110.000 €, completando a renovación integral do centro de saúde tal e como fora comprometido, en febreiro do ano pasado, polo conselleiro de Sanidade despois de visitar a primeira fase da actuación, unhas obras de renovación da cuberta na que se investiran mais de 47.000 euros.

Todas estas obras, que supuxeron un investimento total de case 160.000 euros no centro, foron froito de senllos convenios de colaboración entre a Xunta e o Goberno Local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Deste xeito, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez mais o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida- un 8%-. En particular o concello de Campo Lameiro recibiu no 2022 a cantidade de 9.246 euros para financiar o mantemento da instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 mais de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

O firme compromiso pola atención primaria queda reflectido no feito de que, desde 2009, a Xunta construíu ou reformou un total de 115 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir, obras que están en marcha, como os CIS de Lalín e Vigo ou os centros de saúde de Moaña e Porriño. En total, a administración autonómica investiu, nestes 14 anos, máis de 130 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os da Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga, Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 millóns de euros para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal como este, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023