A Xunta celebra unha xornada organizada desde o Polo da Mariña para impulsar o emprendemento innovador na explotación de faba de Lourenzá

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou na actividade coa que se quere poñer en valor a profesión e inspirar novas propostas para a cadea de valor do produto

Lourenzá (Lugo), 27 de setembro de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe no encontro Emprender innovando na faba de Lourenzá, organizado desde o Polo de emprendemento da Mariña sito en Mondoñedo.

“Optimizar os recursos dispoñibles nas contornas e incrementar a competitividade e profesionalización de actividades tradicionais son dous dos propósitos cos que están a traballar os polos”, especificou Margarita Ardao.

A directora xeral destacou o potencial que para A Mariña Oriental ten a faba de Lourenzá, unha das principais producións agrícolas da zona, que conta co recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida. Ardao destacou que os pequenos produtores, principalmente explotacións familiares sen estrutura empresarial, poden aproveitar os servizos especializados que brinda o Polo da Mariña para abordar aproveitamentos adicionais e atopar puntos para mellorar a competitividade.

A xornada de hoxe permitiu abordar a profesionalización do sector e dar a coñecer modelos de éxito para inspirar novas propostas para a cadea de valor deste produto.

Ardao indicou que a actividade hoxe celebrada é unha mostra real do traballo que a Xunta de Galicia está a desenvolver nos polos, onde se presta asesoramento experto a persoas cunha idea de negocio, autónomos, desempregados e mesmo traballadores que desexen emprender ou mellorar os seus negocios dentro da economía social.

O polo da Mariña botou a andar o pasado abril e presta servizo a 15 concellos que suman unha poboación activa de 42.500 persoas. Ata o momento, acompañou 29 persoas emprendedoras coas que desenvolveu medio cento de sesións de traballo. Os proxectos máis habituais teñen relación coa hostalería, actividades sanitarias, o comercio, actividades recreativas, de entretemento e artísticas.

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego segue a crecer nesta provincia co estreo esta mesma semana de Lugo Comarca, en Friol, e a próxima apertura do servizo en Sarria. Ata o momento un total de  124 persoas recibiron apoio dos polos en Lugo, téndose realizado máis de 300 sesións para axudalas a superar os seus retos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023