A Xunta de Galicia avalía coa universidade da Coruña o avance da Cidade das TIC
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta mañá co reitor da UDC, Julio Abalde para explorar posibles vías de colaboración que faciliten a atracción de empresas tecnolóxicas cara a esta iniciativa
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avaliou esta mañá co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, os últimos avances do proxecto da Cidade das TIC na Coruña.
Neste sentido, o vindeiro mes inaugurarase o primeiro edificio deste polo tecnolóxico que conta co impulso e apoio da Xunta de Galicia. Trátase do Centro de Servizos Avanzados, que recibiu unha axuda de 4,8 M€ por parte do Igape para ofrecer un espazo con laboratorios de demostración de novas tecnoloxías con aplicación industrial e para albergar ás empresas usuarias destes servizos. Esta infraestrutura permitirá detectar oportunidades de negocio que dean lugar a novos proxectos e empresas.
Na reunión, a conselleira e o reitor acordaron seguir explorando posibles vías de colaboración para continuar impulsando esta iniciativa e, especialmente, para facilitar a atracción e implantación de empresas tecnolóxicas na Cidade das TIC. O obxectivo é configurar un Polo do sector das TIC e de innovación dixital de referencia tanto a nivel nacional como internacional.