O conselleiro do Mar clausurou a Conferencia do CESE que se celebrou hoxe en Santiago

A Xunta pon en valor os produtos do mar de Galicia como base da dieta atlántica e despensa vital para garantir a soberanía alimentaria

Alfonso Villares destacou a necesidade das campañas de fomento de consumo de peixe e marisco como as postas en marcha polo Goberno autonómico
 

Subliñou que tamén é clave a rebaixa do IVE do 10% ao 4% para igualalo ao tipo fiscal doutros países da UE, unha demanda trasladada en varias ocasións ao Goberno central tanto polo sector como pola Administración galega e que segue sen ser atendida
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou a aposta da Xunta de Galicia polos produtos do mar como alimentos de alta calidade nutricional, sostibles e saudables e destacou a riqueza do mar de Galicia como despensa vital para garantir a soberanía alimentaria. Fíxoo no acto de clausura da conferencia Soberanía alimentaria europea: o papel da agricultura, a pesca e os consumidores, organizada polo grupo de organizacións da sociedade civil do Comité Económico e Social Europeo (CESE) e celebrada hoxe na capital galega.

Alí tamén salientou o papel estratéxico de Galicia no sector pesqueiro europeo e o labor dos profesionais do mar como provedores de produtos de primeira necesidade e recomendados na dieta. Ademais manifestou o compromiso do executivo galego de defender o papel esencial do sector na liña do que marca a estratexia europea Da Granxa á mesa.

Nese sentido, Alfonso Villares salientou que a Xunta leva máis dunha década impulsando campañas de fomento de consumo de produtos do mar en fresco ou en conserva. Unhas accións, incidiu, que son necesarias para reverter a caída do consumo motivada pola inflación rexistrada no complexo escenario económico actual.

Para a reactivación do consumo dos produtos do mar, subliñou o conselleiro, tamén é clave a rebaixa do IVE do 10% ao 4% para igualalo ao tipo fiscal doutros países da UE, unha demanda trasladada en varias ocasións ao Goberno central tanto polo sector como polo Goberno autonómico e que segue sen ser atendida. Esta medida incentivaría o consumo e aliviaría a economía das familias, especialmente das máis vulnerables, e, ao mesmo tempo, promovería unha dieta máis equilibrada e saudable.

A esta conferencia do Comité Económico e Social Europeo, que tivo lugar na Cidade da Cultura, asistiron representantes de diferentes entidades da sociedade civil nacional e europea para abordar o seu papel no ámbito da soberanía alimentaria e a resposta aos novos desafíos a escala europea.  

A conferencia estivo organizada polo grupo de organizacións da sociedade civil que, xunto co grupo de empresarios e de traballadores, forma parte do Comité Económico e Social Europeo (CESE). Este comité ten como función asesorar ás institucións comunitarias co obxectivo de garantir que as políticas e lexislacións europeas se axustan o mellor posible ás circunstancias económicas e sociais sobre o terreo, de actuar como canle de participación no ámbito comunitario así como promover os valores nos que se basea a integración europea. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/09/2023