A incorporación da intelixencia artificial á historia clínica do Sergas permitirá mellorar a detección precoz, o diagnóstico e o tratamento de enfermidades

O conselleiro de Sanidade inaugurou está tarde o curso “Smart Health Awareness”, no que se abordará a aplicación da análise masiva de datos no eido sanitario

Organizado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Universidade de Navarra, MERK e IBM, o encontro tamén achegou aspectos éticos e legais relacionados co seu emprego

O Servizo Galego de Saúde xa traballa no deseño de modelos que facilitarán a detección de posibles cancros e enfermidades raras; e no emprego de algoritmos de recomendación de contidos formativos destinados a profesionais e pacientes
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde o curso “Smart Health Awareness”, un encontro no que se abordarán as claves da aplicación da Intelixencia Artificial no eido sanitario, e no que destacou que a súa incorporación á historia clínica do Sergas, permitirá mellorar a detección precoz, o diagnóstico e o tratamento de enfermidades.

Organizado pola Universidade de Navarra, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), MERK e IBM; durante o curso analizaranse diferentes aspectos vencellados a esta rama da informática, como é o caso da obtención de datos, os aspectos éticos e legais relacionados co seu emprego, ou a exposición de casos reais dentro do sector público.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade precisou algúns dos retos establecidos polo Goberno galego nestes ámbitos, como son: o integrar os sistemas de IA na sanidade pública para o apoio aos procesos diagnósticos, avanzar na xestión masiva de datos e o tratamento de imaxes médicas, ou a xeración de alertas para os profesionais.

“A asistencia sanitaria non pode obviar a capacidade e as expectativas que ofrecen a Intelixencia Artificial e o Big Data”, apuntou Comesaña.

Así, a dispoñibilidade de inxentes cantidades de datos, o incremento das capacidades de procesamento e almacenamento das computadoras ou o desenvolvemento de algoritmos que son quen de xerar patróns comúns e darlles sentido, son tres elementos clave que incidirán na detección precoz, o diagnóstico e o tratamento de enfermidades.

Comesaña remarcou que a Sanidade pública galega conta xa cunha grande fortaleza grazas a aposta da Xunta pola historia electrónica única. Un sistema que permite integrar os datos xerados en todos os centro sanitarios da comunidade, xerando 400.000 rexistros ao día, e preto de 150 millóns de datos ao ano.

Nesta liña, incidiu en que nos próximos anos o Servizo Galego de Saúde avanzará na incorporación das técnicas da Intelixencia artificial á historia clínica do Sergas, o que permitirá contar con ferramentas automatizadas no apoio da toma de decisións por parte dos profesionais, así como na optimización dos procesos de saúde.

Segundo explicou o conselleiro, o departamento sanitario da Xunta xa traballa en diferentes liñas de aplicación da Intelixencia Artificial e o Big Data. Nomeadamente, no deseño de modelos que facilitarán a detección de posibles cancros -colon e mama- a través da análise de imaxes médicas e a análise de casos previos diagnosticados; a detección de enfermidades raras ou o emprego de algoritmos de recomendación de contidos formativos aos profesionais e pacientes.

“O obxectivo é mellorar a capacidade diagnóstica dos profesionais de anatomía patolóxica e radioloxía, mellorando tamén o seguimento dos pacientes con sospeita diagnóstica, ademais de reducir os falsos positivos”.

Creación dun Consello asesor

A aposta da Xunta por incorporar a Intelixencia Artificial e o Big data ao sistema sanitario público galego levará aparellada a creación dun Consello asesor, que se encargará de informar a Consellería de Sanidade dos avances e posibles aplicacións destas tecnoloxías á Sanidade.

Na actualidade, o Goberno galego está a tramitar unha norma que regulará as funcións deste Consello asesor, coa previsión de que estea aprobada no vindeiro trimestre. Entre as mesmas, destacan a coordinación e proposta de novas iniciativas, a identificación de focos de interese e impacto, ou a elaboración de mapas de demanda temperá dentro do sistema sanitario galego.

No peche da súa intervención, Comesaña apuntou que “a Xunta está a apostar por converter a nosa comunidade nunha rexión intelixente”, un obxectivo para o que aprobou a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial para a vixente década (EGIA 2030), e que despregará en Galicia “unha intelixencia artificial de vangarda, ética, segura e centrada nas persoas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023