O conselleiro de Sanidade reafirma o compromiso de colaboración da Xunta coa asociación solidariedade galega co pobo saharahuí

Desde o ano 2006, a Xunta colabora de xeito ininterrompido coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) para mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos campamentos de refuxiados en Alxeria

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recibiu en audiencia esta mañá ao representante do Frente Polisario Saharauí responsable de Saúde Pública, Salek Baba Hasana. Durante a xuntanza, na que tamén participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, o representante do Frente Polisario e responsable de Saúde Pública manifestou o seu agradecemento á Xunta de Galicia pola cooperación no ámbito sanitario que desde hai anos se ven prestando á poboación saharauí.

A Xunta de Galicia colabora desde o ano 2006 de maneira continua e ininterrompida coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) para mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos campamentos de refuxiados en Alxeria. Desde ese ano, a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) ten recibido subvencións por valor de 1.813.691 euros.

Entre os proxectos sanitarios, cómpre destacar os que permitiron a construción e equipamento dunha casa para o persoal sanitario (Casa de Galicia), na Wilaya de Bojador, nos anos 2015 e 2016; dun Dispensario na Daira de Mheiriz no ano 2018, e dun Centro sanitario específico para o cancro de mama (Centro Valeriano Martínez), na Daira da Wilaya de Bojador (2019).

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade, presta atención sanitaria aos nenos e nenas saharauís que forman parte do programa de Vacacións en Paz durante a súa estadía en Galicia. Dende o ano 2010 ao 2022, as atencións prestadas foron cuantificadas en 2.344.035€, que se ben non se trasladan á SOGAPS, si contribúen á mellora da saúde dos participantes no programa.

Data de actualización: 26/09/2023