A Xunta avoga pola colaboración coas entidades locais para erradicar a violencia de xénero e axudar ás mulleres máis vulnerables a atopar un emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, coñeceu hoxe o programa Hypatia de impulso á promoción da igualdade e da prevención da violencia de xénero

Na iniciativa participan 76 mulleres en situación de especial vulnerabilidade

A actuación, que a Xunta financia e desenvolven os concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás, aposta pola inserción laboral e ofrece un servizo de atención psicolóxica, xurídica e laboral

Rivo destacou que o emprego abre as portas do benestar e potencia a integración dos colectivos máis vulnerables na sociedade

A Xunta, xunto con Cáritas Federadas en Galicia, está a poñer en marcha un proxecto piloto de arraigamento para axudar ás persoas inmigrantes na regularización da súa situación e na súa integración sociolaboral
 

Xinzo de Limia (Ourense), 26 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, puxo en valor hoxe o programa Hypatia, que desenvolven os concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Sandiás, co financiamento da Xunta e do Fondo Social Europeo (FSE). Rivo sinalou a importancia de sumar esforzos e da colabroación coas entidades locais para erradicar a violencia de xénero e axudar ás mulleres máis vulnerables coa integración sociolaboral, poñendo, neste senso, como exemplo, Hypatía que busca o impulso á promoción da igualdade e da prevención da violencia de xénero.

A conselleira, ademais de felicitar aos tres concellos por esta iniciativa, indicou que os tres están adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, unha iniciativa que puxo en valor, xa que apuntou que a colaboración entre as diferentes administracións e axentes implicados na loita contra a violencia de xénero é a única saída para alcanzar a cifra de cero vítimas.

No programa Hypatia participan na súa segunda edición un total de 76 mulleres que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade. A iniciativa céntrase na inserción laboral das vítimas de violencia de xénero e doutros perfís de mulleres que presentan dificultades para acceder ao mercado laboral, ao tempo que lles ofrece un servizo gratuíto de atención psicolóxica, xurídica e laboral.

Moitas das 76 participantes son inmigrantes, un colectivo co que está a traballar a Xunta co reto de abrirlles as portas ao emprego e potenciar a integración destas persoas na sociedade.

Así, para estas persoas en xeral (homes e mulleres), o Goberno galego está a poñer en marcha un proxecto piloto de arraigamento para a súa formación, unha iniciativa pioneira que persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación. O programa, froito dun convenio de colaboración con Cáritas Federadas de Galicia, tamén contribúe a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado de traballo.

Para rematar, a conselleira deu a noraboa ao equipo de profesionais que traballan coas usuarias de Hypatia que tamén centra o seu labor diario en áreas de intevención como son o empoderamento e a autoestima co fin de dar unha atención integral a estas mulleres.

Data de actualización: 26/09/2023