O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiu hoxe aos actos conmemorativos do 25 aniversario do centro e da festividade da patroa da Merced

O programa Nelson Mandela do centro penal de Teixeiro recibe a medalla de bronce ao mérito social penitenciario

Máis de 1.700 persoas internas pasaron por este proxecto de preparación para a vida en liberdade impulsado pola Xunta de Galicia e o Ministerio do Interior

Curtis (A Coruña), 26 de setembro de 2023

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiu hoxe á celebración do 25 aniversario do centro penal de Teixeiro, que coincidiu co festexo da Patroa de Institucións Penais Nosa Señora da Merced. No acto entregouse a medalla de bronce ao mérito social penitenciario ao programa Nelson Mandela de preparación para a vida en liberdade, impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude e o Ministerio do Interior.

 

Un equipo de inclusión do Consorcio composto por tres profesionais traballan coas persoas internas no penal, deseñando itinerarios personalizados para facilitar a súa inserción familiar, social e laboral. Con este obxectivo, imparten accións formativas de habilidades sociais e de busca de emprego, así como cursos para a obtención de certificacións ocupacionais e laborais que melloren as condicións para atopar un emprego.

 

Desde que fai 15 anos se puxo en marcha a iniciativa Nelson Mandela no centro de Teixeiro con financiamento da Xunta, atendéronse a máis de 1.700 persoas, das que a día de hoxe están de alta no programa 46. Así mesmo, neste tempo acadáronse máis de 260 insercións laborais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023