A Xunta clausura o obradoiro dual de emprego compartido por Chantada e Carballedo, ao que destinou 534.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no peche do taller, que proporcionou formación e un contrato de traballo a 20 persoas desempregadas durante 12 meses

Carballedo (Lugo), 26 de setembro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade clausurou hoxe o taller de emprego Serra do Faro VII, promovido polo Concello de Chantada asociado co de Carballedo e financiado pola Xunta de Galicia con 534.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no peche deste obradoiro, que durante doce meses proporcionou formación e un contrato de traballo a 20 persoas desempregadas. As tres especialidades impartidas foron Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción; Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes; e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións.

Os participantes recibiron ensinanzas teóricas e prácticas e desenvolveron distintos labores nos respectivos concellos. Así, en Carballedo traballaron na rehabilitación da cámara agraria e no remate da casa da cultura da Barrela; e acondicionaron zonas axardinadas e mobiliario urbano en varios espazos desta localidade e do núcleo de Castro.

Pola súa banda, en Chantada adicáronse á construción dunha caseta para aseos no parque Eloísa Rivadulla e uns vestiarios na área deportiva de Lamas Carvajal. Tamén se ocuparon do mantemento de xardíns.

En canto ao módulo de atención sociosanitaria, o alumnado tivo a oportunidade de formarse no fogar residencial e centro de día da Barrela, no municipio de Carballedo.

Ademais, este obradoiro inclúe incentivos para contratar aos 20 participantes en empresas da contorna para desenvolver funcións relacionadas coas especialidades aprendidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023