A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse hoxe cos representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia

A Xunta e as organizacións agrarias coinciden na importancia de que se coñeza a situación favorable do lobo en Galicia para garantir o equilibrio co sector

A Xunta e as organizacións agrarias coinciden na importancia de que se coñeza a situación favorable do lobo en Galicia para garantir o equilibrio co sector

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

A Xunta e as principais organizacións agrarias de Galicia coincidiron hoxe en salientar a importancia de que as autoridades europeas coñezan de primeira man a situación do lobo na Comunidade e o estado favorable que presentan as súas poboacións co fin de que se adopten as medidas oportunas para garantir o equilibrio entre a especie e a actividade do sector primario.

Esta foi unha das principais conclusións da xuntanza que mantivo esta mañá en Santiago a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, con representantes dos tres principais sindicatos e asociacións do sector en Galicia: Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Asociación Agraria de Galicia (Asaga).

Tras o proceso de consultas aberto pola Comisión Europea (CE) para coñecer a situación actual do lobo a nivel rexional, a responsable autonómica convocou ás entidades agrarias para intercambiar impresións sobre os informes enviados ás autoridades comunitarias sobre a situación do lobo ibérico en Galicia.

Neste sentido, todos os asistentes compartiron a idea de que a evolución da especie na Comunidade nos últimos anos é boa. Ao respecto, Belén do Campo salientou que a decisión do Goberno central de elevar o seu nivel de protección no conxunto do país en setembro de 2021 estaba inxustificada xa que a realidade da especie non aconsellaba adoptar medidas adicionais para garantir a súa conservación ao norte do río Douro.

Así, trasladoulles que no informe técnico remitido pola Xunta achéganse datos sobre o estado global de conservación do lobo en Galicia no período 2013-2018, os mesmos, incidiu, que xa foran remitidos ao Goberno central no ano 2019 para a elaboración do informe sexenal solicitado pola UE a todos os estados membros pero que, finalmente, o Ministerio non tivo en conta á hora de redactar o documento que remitiu ás autoridades comunitarias.

Ademais, o informe enviado pola Xunta a semana pasada á CE tamén se completou coas conclusións da última actualización do censo da especie na Comunidade, encargado polo Goberno galego e cuxos traballos se desenvolveron entre os anos 2021 e 2022, estimando en 93 as mandas reprodutoras presentes en Galicia (algunha delas compartida con outros territorios).

Desde xeito, tal e como se subliña no informe autonómico, o novo censo confirma e ratifica a principal conclusión da análise realizada de cara ao referido informe sexenal, é dicir, que o estado de conservación do lobo na Comunidade é favorable.

Tras indicar que na información remitida pola Xunta se incluíu tamén un segundo anexo con información sobre o impacto da especie sobre o sector agrogandeiro e o rural, Belén do Campo aproveitou o encontro para lembrar os case 8 millóns de euros en axudas convocadas pola Xunta desde 2016 para facer fronte aos ataques do lobo e subliñar que ningún gandeiro galego con danos constatados queda sen indemnizar.

De feito, indicou que, ademais de darlle continuidade con carácter anual a estas ordes de subvencións, o Goberno galego sempre se amosa receptivo a atender as posibles suxestións e melloras achegadas por parte do sector, citando a modo de exemplo a inclusión nos últimos anos dos gastos de compra e manutención de cans protectores de gando como medida preventiva subvencionable ou a máis recente convocatoria de axudas para contratar persoas coidadoras do gando, novidade introducida en 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023