O delegado territorial visita unha bodega da D.O. Rías Baixas e sinala o sector vinícola como “exemplo de mimo e calidade dos produtos galegos”

O delegado territorial destacou o apoio e recoñecemento da Xunta ao sector vinícola como un símbolo de Galicia e unha actividade económica de gran importancia para a comunidade autónoma

A D.O Rías Baixas prevé superar os 41 millóns de quilos recollidos no 2022

A Xunta investiu case tres millóns de euros no sector vinícola da área territorial de Pontevedra no 2022

Vilanova de Arousa, 26 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as bodegas de Agro de Bazán, en Vilanova de Arousa, onde está a rematar a vendima deste 2023.

Durante a visita, o delegado observou o proceso de colleita e tratamento destes viños D.O Rías Baixas, unha D.O. que no ano pasado asinou a terceira vendima máis abundante da súa historia, con 41 millóns de quilos de uva, e que este ano espera superar.

Reguera destacou a gran calidade dos viños Rías Baixas en particular e dos viños galegos en xeral que “cada vez máis, están a conquistar os mercados estranxeiros e que son un reflexo do mimo e da calidade dos produtos galegos”. Neste sentido, dende a bodega Agro de Bazán confirman que no pasado exercicio a exportación supuxo preto do 33% da súa facturación, sendo que 1,1 millóns de euros corresponden a vendas no estranxeiro. Ademais, esperan que esa porcentaxe aumente ata o 40% durante este ano.

A D.O. Rías Baixas é unha das grandes referentes do mercado do viño galego. Segundo datos do Consello Regulador, o sector vinícola xera na zona máis de 7.500 postos de traballo directos e estables e máis de 5.000 empregos temporais nas épocas de maior actividade.

O delegado lembrou o gran impacto que ten este sector na economía galega e, “moi especialmente, na economía desta provincia”. Reguera destacou o gran compromiso da Xunta con este sector, como demostran os case tres millóns de euros que a Xunta investiu na área territorial de Pontevedra no 2022. “É un símbolo de Galicia e é unha actividade económica e cultural de gran importancia. O sector vinícola hai moitos anos que traspasou a súa vertente puramente gastronómica e hoxe é tamén un atractivo turístico que atrae a moitos visitantes á nosa comunidade autónoma e que pon a Galicia na mesa de millares de familias en todo o mundo”.

Por iso, o delegado fixo fincapé na necesidade de preservar a calidade dos viños da nosa Comunidade. Neste senso, destacou o Plan de control da vendima posto en marcha -por quinto ano consecutivo- pola Consellería do Medio Rural. Un plan ao que se destina preto de 200.000 euros e que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con selo de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023