A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa secretaria xeral técnica, Pilar Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, reuniuse esta mañá cos representantes das catro federacións de transporte de viaxeiros por estrada

A Xunta e as concesionarias do autobús autonómico impulsarán a reserva de billetes e a mellora da información aos usuarios ante unha demanda que medra un 18 % polas deficiencias do ferrocarril e os incentivos económicos

O obxectivo é responder coa maior eficacia a demanda extraordinaria de usuarios do transporte público rexistrada, que no primeiro venres do inicio do curso bateu todas as marcas, con máis de 157.000 viaxes
 

A conselleira sinala a transferencia de usuarios do tren ao autobús causada pola falta de conexións ferroviarias axeitadas, as vías cortadas, o material rodante obsoleto e a insuficiencia de prazas
 

Procurarase mellorar a oferta do transporte público autonómico axilizando a disposición dos datos de demanda, optimizando as canles de atención ao usuario e estendendo a reserva telemática coas tarxetas TMG e Xente Nova
 

Ethel Vázquez remarca que no primeiro venres de curso se mobilizaron ata 200 expedicións extraordinarias para atender o incremento da demanda
 

Fai fincapé no traballo da Xunta e do sector do transporte por estrada para anticiparse aos picos de demanda, co reforzo e axustes diarios en zonas como O Morrazo, Fisterra ou Tui, para atender aos estudantes de ensino non obrigatorio e aos universitarios
 

Pon en valor os esforzos para manter un servizo de calidade pese ás dificultades que atravesa o sector, de escaseza de man de obra e de complicacións para a adquisición de vehículos
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

A Xunta e as concesionarias do autobús autonómico impulsarán a reserva anticipada de billetes e a mellora da información aos usuarios ante unha demanda que está a medrar nun 18 % polas deficiencias do ferrocarril e os incentivos económicos.  

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa secretaria xeral técnica, Pilar Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo esta mañá un encontro de traballo cos representantes das catro federacións de transporte de viaxeiros por estrada, ANETRA, TRANSGACAR, FEGABUS e FEGATRAVI, para analizar a situación dos servizos neste momento, coincidindo coa volta ás aulas no setembro. 

Vázquez Mourelle enmarcou esta reunión na liña do diálogo permanente que a Xunta mantén co sector e apuntou o obxectivo de analizar hoxe as vías para mellorar a atención á demanda, rexistra un incremento sostido ao longo de todo este ano, xeneralizado en todas as liñas. 

A conselleira puxo o acento en que nas dúas últimas semanas, con motivo do reinicio da actividade lectiva, se está a consolidar esa tendencia á alza, rexistrándose tensións, especialmente, nos venres de regreso dos estudantes desde as estacións intermodais. 

Remarcou que no primeiro venres do inicio do curso escolar se bateron as marcas de demanda desde que se teñen rexistros no transporte público autonómico, con máis de 157.000 viaxes. Estas cifras, concretou a conselleira, superan nun 18 % as rexistradas de media nos venres do curso anterior. 

A Xunta e as empresas de transporte coinciden en que este aumento da demanda vén motivado por tres factores clave: a superación da pandemia; os incentivos económicos ao transporte público; e, de forma moi destacada, as deficiencias dos servizos ferroviarios na Comunidade. 

Ethel Vázquez referiuse á ausencia de conexións ferroviarias, que directamente non existen ou que son coma se non existisen, como o caso de Santiago-Lugo ou Ferrol-A Coruña; vías cortadas como a de Lugo-Ourense; material rodante obsoleto e unha flagrante insuficiencia de prazas nos trens.  

O resultado, tal e como explicou a conselleira, supón unha gran transferencia de usuarios do ferrocarril ao autobús, moitas veces con escasa anticipación, porque os viaxeiros do tren que quedan en terra buscan alternativas de viaxe no momento desde as propias estacións intermodais.  

A este respecto, lembrou que a semana pasada a Xunta se dirixiu a Renfe para que adopte as medidas necesarias para acabar coas molestias permanentes aos usuarios do tren e este dano ao transporte público. 

Ethel Vázquez contrapuxo a situación dos servizos ferroviarios coa do transporte público autonómico, onde a Xunta traballou desde o primeiro momento co sector para anticiparse a eses picos de demanda e atender as necesidades dos cidadáns que apostan polo transporte público para desprazarse. 

A conselleira valorou o traballo que está a realizar o sector e a boa disposición ás solicitudes da Xunta de reforzo e axustes diarios en zonas como O Morrazo, Fisterra ou Tui, para atender aos estudantes do ensino non obrigatorio e universitarios. 

Tamén resaltou o esforzo que supuxo mobilizar ata 200 expedicións extraordinarias nese primeiro venres do curso, especialmente ante as dificultades que atravesan as empresas nestes momentos,  de escaseza de man de obra e de complicacións, tamén, para a adquisición de vehículos. 

Tal e como adiantou a conselleira, no obxectivo común da Xunta e dos concesionarios de prestar un bo servizo de transporte público aos cidadáns, seguirase a traballar para axilizar a posta á disposición dos datos de demanda de forma que sexa posible anticipar as respostas e as os reforzos necesarios; tamén na mellora nas canles de información e atención ao usuario; e na extensión dos medios de reserva telemática dos billetes coas vantaxes das tarxetas TMG e Xente Nova. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023