O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luís Menor, escenificaron esta mañá o acordo na súa visita ao edificio administrativo

A Xunta cede temporalmente parte das súas instalacións da Casa Grande de Viloira á Deputación Provincial de Ourense para que emprace a súa sede provisional na comarca de Valdeorras

O delegado territorial subliñou a fluída colaboración entre ámbalas dúas administracións e sinalou ás veciñas e veciños como os “verdadeiramente beneficiados desta cooperación, pois nas mesmas instalacións comparecen os servizos de dúas entidades con prestacións próximas ás necesidades dos habitantes e residentes da contorna”

Deste xeito, “mantemos e reforzamos a liña de mellora dos servizos administrativos da Administración autonómica nunha comarca estratéxica como é Valdeorras e ao mesmo tempo estamos a preservar un dos edificios senlleiros da provincia e de Galicia vinculado á historia desta contorna, ás súas xentes e á súa cultura”; sentenciou Gabriel Alén

O representante do Goberno galego lembrou que o Goberno galego investiu recentemente preto de 300.000 euros na reforma integral da Casa Grande de Viloira
 

Ourense, 26 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luís Menor, escenificaron esta mañá na Casa Grande de Viloira a cesión temporal de parte destas instalacións da Xunta ao ente provincial para que emprace neste edificio unha sede provisional que atenda as demandas dos cidadás da comarca de Valdeorras.

O delegado territorial subliñou a fluída colaboración entre ámbalas dúas administracións e sinalou ás veciñas e veciños como os “verdadeiramente beneficiados desta cooperación, pois nas mesmas instalacións comparecen os servizos de dúas entidades con prestacións próximas ás necesidades dos habitantes e residentes da contorna”; destacou Gabriel Alén. 

“Este é o camiño que debemos percorrer a diario”, manifestou o delegado territorial, “unha administración cada vez máis próxima á cidadanía é unha teima irrenunciable da Xunta de Galicia”; recalcou. Deste xeito, “mantemos e reforzamos a liña de mellora dos servizos administrativos da Administración autonómica nunha comarca estratéxica como é Valdeorras e ao mesmo tempo estamos a preservar un dos edificios senlleiros da provincia e de Galicia vinculado á historia desta contorna, ás súas xentes e á súa cultura”; sentenciou. 

Gabriel Alén lembrou que o Goberno galego investiu recentemente preto de 300.000 euros na reforma integral da Casa Grande de Viloira. Desenvolvéronse actuacións de restauración da fachada cun novo enfoscado de cal hidráulica vista, a restauración e consolidación da pedra vista e o saneamento da carpintería de madeira e forxa.  

As obras tamén abarcaron a rehabilitación dos dous pórticos, onde se aplicou un novo enfoscado de cal hidráulica e se saneou a carpintería de madeira no pórtico sur, e o saneado da pedra vista e os elementos de forxa no pórtico este. Así mesmo actuouse na cuberta coa limpeza de canles e baixante, o acomodo das pizarras e a reparación de limas e canles ocultos de chumbo. 

O seu uso actual é aloxar diferentes servizos da Xunta de Galicia tal como dependencias da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, entre eles o Rexistro da Xunta de Galicia; servizos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a Consellería do Medio Rural coa Oficina Agraria Comarcal; os Servizos de Inspección de Saúde Pública da Consellería de Sanidade; o Instituto de Estudos Valdeorreses que contan cunhas oficinas, unha biblioteca e un salón de actos, que tamén usa o concello do Barco de Valdeorras para actos culturais. 

A Casa Grande de Viloira 

O edificio, que data de 1.637 e que pasou a ser propiedade da Xunta de Galicia en 1.993, foi rehabilitado en 1.996. Conta cunha superficie de fachadas de 1.050 metros cadrados, de 300 metros cadrados de carpinterías e 100 metros cadrados de forxa en fachada. A superficie de cuberta de pizarra é de 1.360 metros cadrados.

A casa grande esta construída en pedra, utiliza muros de cachotaría integrada principalmente por lousa; tratase dunha gran edificación señorial. Segue un esquema rectangular. A casa grande foi construída no século XVII no ano 1637, naquela época era casa de Elena Quiroga.

Elena Quiroga foi unha novelista española. Naceu no seno dunha familia acomodada xa que era filla dos condes de San Martín de Quiroga. Elena Quiroga viviu na casa grande ata que se casou co historiador Dalmiro de Válgoma e se foron para Madrid en 1950.

A súa estrutura está definida por dous patios interiores. Un deles, o máis grande ,está rodeado por unha galería pechada, no centro hai unha fonte de pedra caliza rosada. No patio máis pequeno hai unha capela. A entrada principal do edificio emprázase na Praza de Otero Pedraio, principalmente peonil e unha das prazas máis atractivas do municipio, sobre todo durante os meses de verán. Na parte de atrás ten un xardín moi grande que actualmente é un parque infantil e hai outro para persoas maiores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023