O Sergas aposta polos procesos de innovación e participación para a execución de accións que melloren a seguridade dos pacientes

A xerente do Sergas, Estrella López-Pard,  sinala que os procesos de innovación permiten crear o ambiente de confianza e participación necesario para que os profesionais acheguen a súa experiencia e se comprometan en alcanzar os mellores resultados, promovendo unha cultura orientada á calidade e á seguridade
 

Diante da escaseza de profesionais, o departamento sanitario galego está a actuar en varios ámbitos, entre os que a xerente do Sergas citou, premiar o desempeño en zonas menos atractivas; dar estabilidade e condicións laborais favorables; e fomentar a máxima eficiencia do equipo, co máximo desenvolvemento de competencias en cada categoría profesional
 

Madrid, 26 de setembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, participou hoxe en Madrid nunha mesa coloquio, no marco dunha xornada organizada pola Sociedade Española de Directivos da Saúde (SEDISA), con motivo da recente celebración do Día Mundial de Seguridade dos Pacientes. No encontro, abordáronse análises e propostas para lograr unha xestión óptima dos profesionais sanitarios garantindo a seguridade dos doentes.

Neste foro, a xerente do Sergas sinalou que o escenario de escaseza de profesionais sanitarios está a estenderse a gran parte dos países da UE, aínda que é certo que en formas diferentes. No noso ámbito, -dixo Estrella López-Pardo-, a maior dificultade para a cobertura de postos concéntrase na atención primaria e hospitalaria de referencia comarcal.

Segundo remarcou a responsable do Servizo Galego de Saúde, o éxito para establecer medidas adecuadas depende da realización dun diagnóstico correcto da situación. Neste marco, hai que actuar tanto na captación e capacitación de novos profesionais, como na optimización da xestión de recursos humanos.

Medidas do Sergas

No caso do departamento sanitario galego, a Xerente dixo que están a actuar en varios ámbitos, entre os que citou, premiar o desempeño en zonas menos atractivas; dar estabilidade e condicións laborais favorables; fomentar a máxima eficiencia do equipo, co máximo desenvolvemento de competencias en cada categoría profesional; Implantar formas de traballo remoto mediante a telemedicina para gañar en flexibilidade e eficiencia; e, ademais, desenvolver itinerarios individualizados para que os profesionais realicen a súa carreira nun ámbito planificado e seguro.

Na súa intervención, a xerente do Sergas sinalou que os procesos de innovación permiten crear o ambiente de confianza e participación necesario para que os profesionais acheguen a súa experiencia e se comprometan en alcanzar os mellores resultados, promovendo unha cultura orientada á calidade e á seguridade.

En definitiva, -concluíu a xerente-, os procesos de innovación permiten anticiparse, adaptarse á organización, ser flexible e promover a execución de accións que melloran a seguridade.

 

Data de actualización: 26/09/2023