O conselleiro do Medio Rural interveu na xornada “Soberanía alimentaria europea: o papel da agricultura, a pesca e os consumidores”, que se desenvolve na Cidade da Cultura

A Xunta aposta por potenciar a actividade agrogandeira como vía para garantir a seguridade alimentaria

Nun encontro organizado polo Grupo de Organizacións da Sociedade Civil do Comité Económico e Social Europeo (CESE) no contexto da Presidencia española do Consello da Unión Europea

José González salientou que os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, xunto coas concentracións parcelarias, están permitindo mobilizar arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia

Destacou que esta actividade está posibilitando, ademais, a fixación da poboación, a prevención dos incendios forestais e a produción de calidade

Puxo en valor as diferentes estratexias sectoriais promovidas pola Xunta para produtos coma o leite, o viño e a carne, e resaltou a importancia do sector primario a prol da soberanía alimentaria

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

Os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria -tales como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta e as permutas-, xunto coas concentracións parcelarias están permitindo mobilizar arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia. Así o destacou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa intervención na xornada “Soberanía alimentaria europea: o papel da agricultura, a pesca e os consumidores”, que se desenvolve na Cidade da Cultura. Este encontro está organizado polo Grupo de Organizacións da Sociedade Civil do Comité Económico e Social Europeo (CESE) no contexto da Presidencia española do Consello da Unión Europea.

Na súa intervención, o conselleiro salientou que con este labor estase posibilitando a fixación de poboación e contrarrestando, dese modo, o reto demográfico. Ademais, sinalou que se está “colocando cada uso na súa localización máis produtiva”, algo que incide na prevención dos incendios, e remarcou, neste sentido, que “a xestión activa do territorio é tamén unha vía fundamental para a prevención”.

Produción de calidade

A maiores, José González incidiu en que esta actividade en moitos casos -sobre todo nos proxectos dos polígonos- está destinada á produción de calidade. Neste contexto, puxo en valor as 37 certificacións de calidade con que conta Galicia e a Lei da calidade alimentaria, que -lembrou- acaba de entrar no Parlamento. Sinalou que esta norma está deseñada, precisamente, para mellorar os controis e as garantías dos alimentos, así coma outros aspectos importantes, como son a sustentabilidade da súa orixe, a dixitalización ou a rastrexabilidade.

De igual modo, o conselleiro trasladou que a esta perspectiva da terra engádese a “industrial”, que a Xunta centrou nas diferentes estratexias sectoriais para produtos coma o leite, o viño e a carne. Así, en relación coa primeira, recordou que Galicia é líder nacional, con máis do 40% da produción de toda España, e que ocupa tamén un lugar destacado como unha das principais rexións lácteas de Europa.

Con respecto á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, dixo que pretende consolidar a Galicia como rexión produtora de viños de calidade e como principal destino enoturístico. Sobre a estratexia para o sector cárnico, González subliñou que persegue posicionar a nosa comunidade como referente neste eido, partindo da súa condición de principal territorio español produtor de carne de calidade e do feito de que Ternera Gallega é o indicativo de calidade que máis certifica en España, con preto do 60%.

Neste sentido, o conselleiro incidiu no enfoque destas estratexias cara a profesionalización do sector, con iniciativas como as aplicacións web -totalmente gratuítas e accesibles- para o cálculo dos custos de produción, Contaláctea e Contacarne. Ambas -destacou- enfocadas cara unha visión do agricultor e do gandeiro como un empresario, que debe acadar marxes de beneficio proporcionados, algo que “revertirá directamente na nosa soberanía alimentaria”, remarcou.

“Ser despensas de nós mesmos”

Precisamente, con respecto á soberanía alimentaria, José González resaltou a importancia do sector primario -sen o cal, aseverou, “dificilmente poderían existir o secundario e o terciario”- e a relevancia que ten “ser despensas de nós mesmos”. Por iso, referiuse tamén aos puntos clave do desenvolvemento deste eido produtivo.

Nesta liña, falou da necesidade dunha industria alimentaria “capacitada, rendible e competitiva, pero tamén sustentable”, así como do que comporta “ter acceso digno, seguro e con todas as garantías a todo tipo de alimentos”, cara a conseguir, en definitiva, “unha soberanía alimentaria na que o consumidor posúa plena capacidade de decisión e control”.

Todo isto conséguese, concluíu o conselleiro, mediante un compromiso con todos os agricultores e gandeiros de Galicia de forma que, traballando “para potenciar a súa actividade non só aseguramos a súa digna subsistencia, senón que estamos garantindo a nosa propia seguridade alimentaria”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023