O SERGAS publica o nomeamento como persoal fixo de 653 aspiran-tes de 17 categorías de persoal de institucións sanitarias

Dáse por finalizado o concurso-oposición en 17 categorías de persoal de xestión e servizos e persoal sanitario co nomeamento e toma de posesión das prazas para 653 profesionais

Incorpóranse ao Sergas 44 persoas con discapacidade intelectual nas categorías de pinche e técnico en farmacia que tiveron procesos específicos de acceso.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o nomeamento como persoal estatutario fixo do Sergas e a adxudicación de destino definitivo dos aspirantes que teñen superado o concurso-oposición nas categorías de calefactor, cociñeiro, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, lavandeiro, logopeda, mecánico, pasador de ferro, pinche, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, telefonista, terapeuta ocupacional, e traballador social.

Nas categorías de pinche e técnico de farmacia, incorporaranse 44 profesionais que superaron o proceso selectivo en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Isto suporá a incorporación de 653 profesionais como persoal fixo ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Nas categorías de persoal de xestión e servizos os aspirantes nomeados pertencen ás categorías de calefactor(36), cociñeiro(24), condutor(12), costureiro(21), electricista(38), fontaneiro(18), lavandeiro(39), mecánico(19), pasador de ferro(45) e telefonista (33).

Tamén figuran nomeados 239 profesionais na categoría de pinche (vía de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral) e 24 aspirantes das categorías de persoal informático: técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información(8), técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información(12), técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información(4).

Ademais, resultan seleccionados 39 profesionais na categoría de pinche e 5 na de técnico de farmacia na quenda de acceso restrinxida para persoas que acrediten discapacidade intelectual. Finalmente, a categoría de traballador social incorpora 46 profesionais, logopeda(4) e terapeuta ocupacional(11).

Do total de aspirantes seleccionados, 489 accederon pola quenda de acceso libre, 89 pola quenda de promoción interna, 31 pola quenda de discapacidade xeral e 44 pola quenda de discapacidade intelectual.

Sinalar que o 64,17 % son mulleres. Un total de nove persoas, o que representa o 1,33 %, teñen a súa residencia fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 26 de outubro.

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Procesos selectivos persoas que acrediten discapacidade intelectual no Sergas

Resultan nomeados un total de 44 aspirantes pola quenda de acceso para persoas que acreditan unha discapacidade intelectual, 39 en pinche e 5 en técnico en farmacia. Esta quenda de acceso diferenciada realízase coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.

O Sergas ten asinados convenios de colaboración coas entidades FADEMGA Plena Inclusión, DOWN Galicia e Aspace Galicia, coa finalidade de adaptar as probas selectivas ás características das persoas aspirantes e facilitar o seu acceso ao emprego público, así tamén terán unha acollida e formación específica no acceso aos postos de traballo tanto en farmacia como nos servizos de hostalaría e restauración.

No ano 2018, o Sergas publicou a primeira convocatoria de procesos selectivos para o ingreso como persoal estatutario fixo de persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Desde esa data, incorporáronse no Sergas, por esta quenda de acceso, 30 profesionais na categoría de celador, 11 profesionais na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería e 9 da categoría de persoal de servizos xerais, polo que, actualmente, hai 74 prazas de acceso para persoas con discapacidade intelectual.

Seguindo coa oferta de prazas por esta quenda restrinxida de acceso, no mes de xaneiro deste ano convocáronse tamén procesos selectivos para as categorías de celador(15 prazas), persoal de servizos xerais(14) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (14). Tamén está previsto que se convoque, durante este ano, o proceso selectivo para o grupo auxiliar da función administrativa, con 10 prazas.

O Sergas ten previstos novos exames de acceso ao emprego público no mes de novembro para as categorías de PSX e técnico en coidados auxiliares de enfermería, na liña de estabilización de persoal mediante convocatorias públicas de acceso. Na páxina web do Sergas figura toda a información.

Data de actualización: 26/09/2023