A Xunta autoriza a transferencia a prol do Concello das Neves de seis treitos antigos de dúas estradas provinciais

Transfírense á entidade local cinco treitos da estrada EP-4201, que une Setados, Ribarteme e Vide, e un treito antigo da estrada EP-4202, que comunica Tortoreos, Rubiós e Carrasqueira

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais

Co cambio de titularidade o Concello das Neves terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a súa conservación e mantemento
 

 

Santiago de Compostela, 25 de setemebro de 2023.

O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello das Neves de seis treitos de dúas estradas provinciais ao seu paso polo municipio.

Trátase, concretamente, de cinco treitos antigos da estrada provincial EP-4201, que une Setados, Ribarteme e Vide, e que suman 436 metros de lonxitude; e do treito antigo da estrada provincial EP-4202, que comunica Tortoreos, Rubiós e Carrasqueira, de 831 metros de lonxitude.

O Concello das Neves e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio no que estableceron a obriga da entidade municipal de solicitar a transferencia de titularidade destes viarios.

A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable ao cambio de titularidade dos cinco treitos antigos da EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide. Os treitos antigos correspóndese cos puntos quilométricos: 0+120, 0+537, 0+750, situados na marxe dereita; e os treitos antigos situados nos quilómetros 0+460 e 0+614, na marxe esquerda.

Ademais, tamén se formulou proposta favorable para a transferencia a prol do Concello do treito antigo da marxe esquerda da EP-4202 Tortoreos-Rubiós-Carrasqueira, de 831 metros de lonxitude, no punto quilométrico 2+900.

 

A transferencia destes treitos a prol do Concello das Neves tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

O departamento de Infraestruturas da Xunta ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais.

Co cambio de titularidade, o Concello das Neves terá a competencia para actuar nestes treitos das estradas EP-4201 e EP-4202, e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Data de actualización: 25/09/2023