A Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta pon a disposición xudicial o presunto autor de varios lumes no concello lugués de Palas de Rei

Tras un traballo de investigación de dous anos, conseguiuse recadar probas indiciarias suficientes para facilitar á Fiscalía de Medio Ambiente

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

Axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta de Galicia puxeron en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente as actividades do presunto responsable de provocar diferentes incendios forestais no monte de Orosa, no concello lugués de Palas de Rei, durante o pasado mes de agosto.

Tras un traballo de investigación de dous anos, en colaboración cos axentes ambientais que exercen as súas funcións nesa parte do territorio, conseguiuse recadar probas indiciarias suficientes para que a Fiscalía poña a disposición xudicial a esta persoa, como presunto autor dos últimos incendios, que afectaron unha superficie de arredor de 126 hectáreas de monte raso, dentro dun terreo de alto valor ecolóxico, a maior parte del en Rede Natura 2000. 

Así, neste sentido, por parte dos profesionais da UIFO constátase que a zona do Careón é, historicamente, unha área de alta incidencia de incendios forestais, lumes coas mesmas características e que se rexistran de xeito provocado, coa intención de queimar a maior superficie de monte posible. A Fiscalía remitiu as actuacións ao xulgado de primeira instancia e instrución nº 1 de Chantada, para que este incoe dilixencias previas por delito de incendio forestal.

Data de actualización: 25/09/2023