Diego Calvo pon en valor a importancia do tecido empresarial para atraer investimentos e avanzar no progreso social

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe nunha xuntanza de traballo co foro empresarial Vicus Gallaecia

Destacou a necesidade de que o Goberno central desbloquee os fondos europeos para que as empresas poidan investir nos seus proxectos estratéxicos
 

 Vigo, 25 de setembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe en Vigo a importancia do traballo do tecido empresarial porque é o que xera riqueza e crecemento económico na comunidade e permite avanzar cara a unha sociedade máis próspera. É dicir, progreso económico e social van da man.

Nunha xuntanza de traballo que mantivo co foro de empresarios Vicus Gallaecia, que se creou en 2021 na cidade viguesa, Diego Calvo sinalou a colaboración da Xunta coas empresas galegas para axudarlles a sacar adiante os seus proxectos con medidas como a Estratexia de Internacionalización, coa que contribuír ao mantemento do mellor ciclo exportador da historia de Galicia, a lei de simplificación administrativa, que reduce á metade os prazos dos trámites para poñer en marcha un proxecto, ou a Axenda Financeira, que este ano conta con 140 millóns de euros para apoiar iniciativas industriais.

O vicepresidente primeiro lembrou tamén a necesidade de que o Goberno central desbloquee os  fondos europeos para facer de Galicia unha comunidade máis social e inclusiva. Nesta liña, incidiu en que se executaron de forma dilixente os fondos asignados ata o momento. Así, explicou que Galicia ofrece as garantías e certezas que precisan as empresas para desenvolver novos proxectos nun contexto como o actual e esa estabilidade política, económica e social -engadiu- converten a comunidade galega en atractiva para investir.

O tecido empresarial, ademais, sinalou Diego Calvo, ten un carácter relevante na transición verde e dixital pola que se está a apostar no actual contexto socioeconómico. Deste xeito, resaltou que Galicia está á vangarda na loita contra o cambio climático e que a Xunta garante o equilibrio entre a protección da natureza e a actividade económica a través da primeira Lei do clima de Galicia -xa en tramitación- e da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, aprobada o pasado mes de xullo.

No encontro con representantes do foro empresarial Vicus Gallaecia abordáronse, entre outros temas, o reto demográfico e o benestar, a Galicia verde e sostible, a competitividade e o crecemento, a cohesión social e territorial ou a gobernanza. Estes son precisamente os cinco eixos transversais que marcarán a Galicia de 2030 a través do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2023