A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático presidiu o acto

A Xunta reivindica a importancia de avanzar nos retos do desenvolvemento sustentable con motivo do 8º aniversario da aprobación da Axenda 2030

O 25 de setembro conmemórase a implantación da Axenda 2030, iniciativa na que o Goberno galego leva traballando desde o ano 2018 e que ten entre os seus obxectivos protexer o planeta e reducir as desigualdades

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

A Xunta reivindica a importancia de avanzar nos retos do desenvolvemento sustentable con motivo do 8º aniversario da aprobación da Axenda 2030. Así, para conmemorar a data, foi colocada a bandeira dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) no exterior da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Este xesto marca a metade de camiño na aplicación da folla de ruta na que o Goberno galego leva traballando desde o 2018, polo que se trata dun momento que a Xunta aproveita para reafirmar o seu compromiso con este plan de acción.

Así, esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático destacou o papel pioneiro da Comunidade adscribíndose á iniciativa e subliñando que é unha tarefa á que dará continuidade o novo informe de seguimento da Axenda 2030 que en breve se presentará no Parlamento galego.

A Axenda 2030 en Galicia

Cómpre facer fincapé en que a aplicación deste plan en Galicia atópase na metade do seu horizonte temporal de cumprimento, e que terá no xa citado informe de seguimento o seu próximo paso. Este documento conta xa cunha alta integración dos indicadores publicados polo IGE, permitindo a comparativa co resto de España e outras rexións. Estuda o avance na Comunidade para 60 metas das 169 propostas pola ONU e abarca 16 dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, propoñendo un total de 172 indicadores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2023