A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa reuníronse para abordar asuntos de interese local

A Xunta analizará a posibilidade de colaborar co concello da Bola nun proxecto para humanizar a contorna da igrexa de Santa Baia

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia analizará a posibilidade de colaborar co Concello da Bola na execución dun proxecto municipal co fin de poñer en valor e humanizar a contorna da igrexa de Santa Baia.

Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Teresa Barge, durante unha recente reunión en Santiago para avaliar diversas cuestións de interese municipal relacionadas coas áreas da súa competencia.

En concreto, a responsable autonómica emprazou á rexedora a remitirlle copia do proxecto no que se describe a actuación co fin de que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo analice o seu contido e poida avaliar o seu posible encaixe nos obxectivos do chamado Plan Hurbe, impulsado en 2010 co obxectivo de brindar apoio económico ás entidades locais no impulso de iniciativas que sirvan para habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor contornas urbanas e núcleos rurais.

Neste sentido, cómpre lembrar que grazas aos convenios de cooperación asinados entre Xunta e concellos ao abeiro deste programa, xa se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros que permitiron financiar máis de 415 intervencións urbanísticas. De feito, o Concello da Bola e a Xunta colaboraron no seu día a través do Plan Hurbe na execución dun proxecto para acondicionar e recuperar varias zonas do núcleo de Podentes, cun investimento total de máis de 100.000 euros.

Por último e noutra orde de asuntos, a vicepresidenta e a alcaldesa tamén abordaron as necesidades do municipio da Bola en materia de vivenda así como as diferentes liñas de axudas e programas de actuación que pon o Instituto Galego da Vivenda e Solo á disposición dos concellos para reforzar o seu parque público residencial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2023