A directora xeral de Patrimonio Natural participou esta semana en representación de Galicia na reunión do Comité español do programa Men and Biosphere

Galicia é a comunidade co mellor nivel de execución dos fondos europeos destinados ás reservas da biosfera

Belén do Campo denuncia que o atraso do Goberno central en convocar a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente prexudica á Xunta xa que lle impide chegar ao 100% e paraliza a posibilidade de investir a totalidade do orzamento asignado

Lamenta que o Ministerio propoña agora un “cambio nas regras do xogo” para ampliar nun ano o prazo que tiñan as comunidades para xustificar os investimentos

Ante a posibilidade de que parte dos fondos territorializados queden sen mobilizar, solicita ao Ministerio que valore asignalos a Galicia para financiar novos proxectos
 

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2023

A Xunta xa ten planificado e executado o 80,5% dos fondos NextGenerationUE destinados a poñer en valor as 7 reservas de biosfera da Comunidade, unha porcentaxe que sitúa a Galicia á cabeza da clasificación nacional en nivel de execución. Así o avanzou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que participou esta semana de forma telemática na reunión do Comité español do programa Men and Biosphere, convocada, entre outras cousas, para facer seguimento das ordes de axudas a concellos, asociacións e organismos xestores destes espazos, e da tramitación dos fondos a nivel autonómico.

En base aos criterios fixados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para analizar o nivel de execución en todo o país, a conclusión é que dos 6,4 millóns de euros asignados a Galicia, o 80,5% —5,1 millóns— xa está consignado a través de actuacións e proxectos que repercutirán en beneficio destes espazos naturais.

Precisamente, Belén do Campo lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en convocar, en febreiro de 2022, tanto as subvencións para proxectos impulsados por concellos e entidades ligados ás 7 reservas de biosfera, como a liña de axudas específica para as 4 reservas que teñen órganos de xestión independentes —as outras 3 competen á Xunta—, dúas ordes que quedaron resoltas entre agosto e setembro do ano pasado.

Neste sentido, atribuíu o feito de que Galicia teña a día de hoxe o mellor nivel de execución de toda España, á “axilidade, eficiencia e rigor” demostrados pola Xunta tanto á hora de tramitar as axudas como na xestión directa de parte do orzamento asignado, pero lamentou tamén que non poida “chegar ao 100%” polo “atraso que arrastra” o Goberno central en convocar a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, freando así a posibilidade de mobilizar a totalidade do orzamento asignado á Comunidade.

Tras lembrar que a mediados de abril a Xunta xa pedira autorización ao Ministerio para poder empregar os remanentes das ordes de axudas á execución directa de proxectos e actuacións nas 7 reservas de biosfera, a directora xeral explicou que este asunto está pendente de informarse no seo da Conferencia Sectorial, organismo que debería ter convocado o Ministerio no mes de xullo pero que segue sen data prevista de celebración.

Esta situación, incidiu, “prexudica” claramente a Galicia, que xa podería estar executando eses fondos na actualidade de terse celebrado a referida reunión. Na mesma liña e ante a información trasladada ao Comité polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, de ampliar nun ano —ata o 31 de decembro de 2024— o prazo inicial dado ás comunidades para xustificar a execución do 30% dos fondos asignados para actuar en reservas de biosfera, do Campo lamentou este intento por “cambiar as regras do xogo” cando Galicia, por exemplo, xa ten tan avanzada a súa tramitación.

Así, explicou que a Xunta traballou sempre cun escenario temporal marcado polo propio Ministerio para a execución destas partidas, o que condicionou o deseño das súas ordes e os prazos dados a concellos e entidades beneficiarias para a execución material dos seus respectivas proxectos.

Ademais e tendo en conta que a proposta ministerial ten como fin outorgar máis tempo ás comunidades que acumulan máis atraso na tramitación e mesmo na convocatoria das súas ordes de axudas, a responsable autonómica advertiu do risco de que parte dos fondos europeos territorializados con este fin queden sen mobilizar.

Por iso, aproveitou a súa intervención para pedirlle ao secretario de Estado de Medio Ambiente que valore a posibilidade de reasignar algunha destas partidas sen executar a Galicia, que ten demostrado con creces a súa capacidade de xestión, para poder financiar novos proxectos nas 7 reservas de biosfera galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2023