A Xunta facilita a mellora da cualificación de persoas desempregadas a través das bolsas para que teñan gratis a matrícula dun máster

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 23 de outubro
 

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia facilita un ano máis a mellora da cualificación de persoas desempregadas a través da convocatoria de bolsas para matricularse nun máster oficial nas universidades públicas galegas no curso académico 2023/24. Cun orzamento total da convocatoria de 90.000€, cada beneficiario percibirá entre 591 e 835,8€, en función da titulación cursada.

Para solicitar estas axudas, as persoas candidatas deberon rematar os estudos universitarios de grao antes do 30 de setembro de 2022 e estar en situación de desemprego. Ademais, deben estar matriculadas nun máster universitario oficial en Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo estará aberto ata o 23 de outubro.

O obxectivo desta liña da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é facilitar que as persoas desempregadas cursen un máster universitario que lles proporcione unha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional e melloren así o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.

Data de actualización: 23/09/2023