A Xunta amplía ata o 3 de novembro o prazo para solicitar as axudas de impulso á formación de curta duración dirixida a persoas traballadoras

O DOG publicará a vindeira semana a ampliación do prazo para que microempresas, pequenas empresas, entidades do terceiro sector da acción social e profesionais autónomos poidan pedir estes apoios para formar a persoas ocupadas por conta allea

O novo prazo de solicitude é só para aquelas accións formativas que se desenvolvan ao longo do vindeiro ano 2024

Finánciase unha cualificación destinada a actualizar e mellorar os coñecementos e competencias dos cadros de persoal das empresas para dar resposta ás necesidades do tecido produtivo e á transición dixital e ecolóxica que está a vivir o mercado laboral

A iniciativa enmárcase na Axenda Galega de Capacidades para o Emprego aprobada pola Xunta, un pacto baseado na colaboración público-privada que está a permitir, entre outros, unha oferta de microformacións que están a demandar as empresas

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2023 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ampliará ata o vindeiro 3 de novembro o prazo de solicitude do novo programa de axudas que convocou este ano para apoiar accións formativas de curta duración dirixidas a persoas traballadoras ocupadas por conta allea co fin de dar resposta ás necesidades do tecido produtivo.

Así, a vindeira semana publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta ampliación de prazo da primeira edición dos Bonos Talento Empresa dotados con dous millóns de euros para financiar en microempresas, pequenas empresas, entidades do terceiro sector da acción social e profesionais autónomos o desenvolvemento de accións formativas dun mínimo de 16 horas e un máximo de 100 horas. O novo prazo de solicitude é só referido ás accións formativas que se desenvolvan ao longo do vindeiro ano 2024.

Os destinatarios da cualificación serán as persoas ocupadas por conta allea que formen parte do cadro de persoal das empresas, autonómos ou entidades beneficiarias das axudas da Xunta. Cada vez son máis as persoas que necesitan actualizar e mellorar os seus coñecementos, capacidades e competencias para reducir a fenda entre a súa formación e as necesidades dun mercado de traballo en constante evolución. As persoas traballadoras estanse enfrontando a cambios sen precedentes na organización do traballo e o mercado laboral está a vivir unha transición dixital e ecolóxica, polo que o perfeccionamento e a reciclaxe continua das persoas traballadoras son esenciais para que poidan responder ás necesidades do seu emprego actual ou para a transición a novos empregos e sectores en expansión.

O novo programa enmárcase na Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que está a depregar o Goberno galego seguindo as directrices europeas, co obxecto de mellorar as capacidades das persoas, para fortalecer a competitividade das empresas e garantir a equidade social. Entre os obxectivos da Axenda, un pacto social pola capacitación baseado na colaboración público-privada, está a cualificación ao longo da vida das persoas traballadoras e a formación á carta, sendo unha das medidas contempladas para acadar estes retos os bonos formación que permitan o desenvolvemento de microformacións.

Beneficiarios das axudas

Os Bonos Talento Empresa financiarán, así, estas accións formativas de curta duración con axudas máximas de 25.000 euros por entidade. Poderán optar a estes apoios microempresas e pequenas empresas, así como entidades do terceiro sector da acción social, validamente constituídas tres anos antes da data de publicación desta convocatoria e con actividade ininterrrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a que solicitan a axuda. As entidades do terceiro sector da acción social poderán ser beneficiarias destas axudas, sempre que cumpran a condición de microempresa ou pequena empresa. No caso das microempresas e pequenas empresas, a estimación da Consellería de Promoción do Emprego é cualificar a través deste programa unhas 1.200 persoas en 120 empresas.

Pola súa banda,  os traballadores autónomos terán que contar con persoas contratadas ao seu cargo e estar validamente inscritas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (Reta) ou no Réxime Especial de Traballadores do Mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación deste programa.

As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que se atopen contratadas baixo a modalidade de fixos descontinuos poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación. Así mesmo, a consideración como persoas traballadoras ocupadas por conta allea virá determinada pola situación laboral en que se atopen na data de comezo da acción formativa. As axudas contempladas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2023