O conselleiro do Mar clausurou a II Xornada de Pesca que se celebrou hoxe en Ribeira

Galicia reclama unha estratexia europea que impulse a pesca sustentable a longo prazo e na que estean en equilibrio o respecto ambiental e o futuro das frotas

O titular de Mar instou a Bruxelas a tomar as súas decisións contando cunha base científica sólida e unha rigorosa avaliación do impacto socioeconómico na actividade

O Executivo autonómico demanda o mesmo rigor nas decisións do Goberno do Estado como as relacionadas coa eólica mariña
 

Ribeira (A Coruña), 22 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou hoxe que a estratexia marítimo-pesqueira da Unión Europea deixe de centrarse nas limitacións e prohibicións e se converta nunha aposta pola pesca sostible a longo prazo que integre a dimensión socioeconómica en equilibrio coa ambiental, contando cunha base científica sólida e unha rigorosa avaliación do impacto nas frotas afectadas.

Así o salientou durante a clausura das II Xornadas da Pesca de Ribeira, onde tamén sinalou que o veto á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias non cumpre co imprescindible aval científico e non contou con análises dos efectos negativos que tería no sector. Uns feitos, expuxo, que motivaron os recursos ante a Xustiza comunitaria entre os que se atopa o dos armadores do palangre de Burela no que a Xunta de Galicia intervén como parte coadxuvante. Esta falta de rigor tamén se aprecia no plan de acción de Bruxelas que pretende prohibir a pesca de arrastre nas áreas protexidas.

Neste sentido, engadiu o titular de Mar, Galicia defende a necesidade de contar con máis ciencia aplicada para coñecer tanto a situación real dos hábitats como o estado dos recursos e a afección das distintas artes, unha cuestión fundamental á hora de abordar calquera medida. Xunto aos estudos sobre o impacto socioeconómico e laboral, reclamou un maior diálogo co sector e representantes políticos e ademais contar, por un lado, cun marco temporal gradual e negociado, e por outro, cos fondos que permitan á frota afectada adaptarse a calquera hipotética restrición.    

Para o representante do Executivo autonómico a alternativa pasa por unha actualización da Política Pesqueira Común (PPC), un exercicio, lamentou, que a Comisión Europea non ten previsto realizar. Isto, engadiu, a pesar dos múltiples retos aos que se enfronta a actividade pesqueira e aos que esta folla de ruta non dá resposta tal e como está deseñada na actualidade.

Nesta mesma liña, o titular de Mar tamén apelou á necesidade de que o Goberno central aplique os mesmos criterios de seriedade e rigor que Galicia reclama a Bruxelas á hora de tomar medidas. Puxo como exemplo o caso do desenvolvemento da eólica mariña, sobre o que a comunidade galega defende a necesidade de que garanta a compatibilidade coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema.

Para iso, sinalou, é preciso diálogo e máximo consenso coas partes implicadas e nesta liña salientou a creación do Observatorio da eólica mariña de Galicia, no que están representados a Administración galega, o sector pesqueiro e a industria interesada en desenvolver esta actividade. Un diálogo que, pola contra, o Goberno central non mantivo á hora de definir os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM).       

En relación coa frota galega, Alfonso Villares defendeu unha vez máis o seu bo saber facer, caracterizado por empregar os métodos de pesca máis coidadosos e respectuosos co medio ambiente. De feito, sinalou, os profesionais do mar son os primeiros interesados na protección dos recursos, conscientes de que o seu estado é clave para garantir a actividade no futuro.

O foro

A Xornada de Pesca de Ribeira celebrou a súa segunda edición hoxe baixo o título Novo marco normativo para a frota. O evento contou coa participación de representantes do sector pesqueiro galego e institucionais que abordaron cuestións como as novas normativas de despacho de buques, a eólica mariña, o impacto do regulamento de control da pesca ou do plan de acción da Comisión Europea.

O conselleiro do Mar agradeceu á Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira-OPP83 a organización deste evento, asentado xa como foro de análise e debate sobre os retos da pesca. Ademais Alfonso Villares destacou a relevancia de contar con este tipo de puntos de encontro para poñer en común as distintas visións do sector e buscar posibles solucións aos problemas do complexo mar-industria de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/09/2023