A Xunta aproba o proxecto básico da reforma integral do Centro de Saúde da Milagrosa de Lugo, que suporá un investimento de 2,5 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa co obxectivo de licitar estas obras no mes de marzo

Modificarase a distribución das plantas, reorganizando e ampliando consultas e zonas de espera, coa construción de aseos adaptados e zonas de servizos

O andar baixo destinarase a accesos, recepción, ou consultas; as plantas primeira e segunda reservaranse para consultas e salas de espera; e o soto a almacenaxe

As zonas de espera contarán con iluminación natural e haberá unha galería como espazo para colchón térmico

Esta intervención forma parte do traballo da Xunta no reforzo das infraestruturas sanitarias en Lugo, co 1º Centro Integral de Saúde de Galicia que se vén de rematar no barrio da Residencia cun investimento de 16,5 M€, que entrará en servizo en outubro

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de aprobar o proxecto básico da reforma integral do Centro de Saúde da Milagrosa de Lugo, que suporá un investimento autonómico de 2,5 M€.

Na actualidade estase redactando o proxecto de execución, cuxo remate se prevé para antes de que remate este ano. A Xunta traballa co obxectivo de licitar estas obras no vindeiro mes de marzo.

Trátase do deseño dun novo edificio para o centro de saúde, cunha superficie 1807,64 m2 construídos.

Cómpre lembrar que o actual centro de saúde, construído a finais dos anos 60 como clínica-sanatorio, ten a estrutura en bo estado de conservación, pero é necesaria a renovación do resto da construción, incluíndo fachadas e cubertas, e tamén a mellora da accesibilidade exterior e interior.

A partir do citado proxecto, modificarase a distribución das plantas na súa totalidade, reorganizándose e ampliando consultas e zonas de espera, realizando aseos adaptados e zonas de servizos.

As instalacións actualizaranse ás necesidades e normativa actuais, modificando a estrutura debido á incorporación dun ascensor portacamillas e tamén a cuberta para incorporar programa de usos baixo a mesma.

Unha vez realizada esta distribución por plantas, o andar baixo destinarase a accesos, recepción, consultas e salas de acceso próximo á entrada, así como espera e servizos. As plantas primeira e segunda reservaranse para consultas, espera e servizos. A planta baixo cuberta destínase aos locais específicos de médicos e o soto a almacenaxe e espazo libre disposición.

As zonas de espera contarán con iluminación natural e haberá unha galería como espazo para colchón térmico. As fachadas, partindo de máxima eficacia e economía e baixo mantemento, resolveranse en galería de vidro.

Esta intervención forma parte do traballo da Xunta no reforzo das infraestruturas sanitarias en Lugo, co 1º Centro Integral de Saúde de Galicia no barrio da Residencia que se vén de finalizar, logo dun investimento autonómico de 16,5 millóns de euros, e que está previsto que comece a funcionar en outubro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023