A Xunta investirá máis de 9,2 M€ nas obras dos centros escolares do Deza-Tabeirós

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou das actuacións educativas en marcha na comarca nunha visita ao CEIP Plurilingüe de Rodeiro

A Consellería de Educación ten en marcha proxectos en distintas fases de execución nos concellos de Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro e Silleda
 

Rodeiro, 22 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, está a investir preto de 9.2 millóns de euros nos centros educativos da comarca de Deza-Tabeirós, en obras que se atopan en distintas fases de execución.

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CPI Plurilingüe de Rodeiro, onde se levaron a cabo unhas obras de substitución da carpintería exterior e cambio de fiestras que aumentan a comodidade do alumnado e melloran a eficiencia enerxética do centro. Estes traballos contaron cun orzamento de máis de 500.000 euros.

Reguera aproveitou a visita para sinalar o “esforzo da Xunta para mellorar o estado dos centros que o precisen e cumprir co plan de nova arquitectura que, ademais de mellorar a experiencia do alumnado, permitirá aforrar custos aos centros”.

Cabe destacar que o Goberno galego actuou tamén noutros centros escolares da comarca. Un exemplo son as obras levadas a cabo no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón, onde se investiron máis de 350.000 euros. Na Estrada, as actuacións inclúen algunhas de grande envergadura como ampliación do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez e a rehabilitación integral do CEIP de Figueroa. En total invístense case 4.2 millóns de euros neste Concello.

Tamén se plantexaron obras de gran importe en Lalín, onde destaca a central de biomasa que dá servizo a varios edificios educativos con un custo de máis de un millón de euros e en Silleda onde as inversións no IES Plurilingüe Pintor Colmeiro, no CEIP Ramón de Valenzuela e no CEIP Plurilingüe de Silleda superan os 800.000 euros. En Forcarei, os traballos no IES Chano Piñeiro, no CEIP Nosa Señora das Dores e no CEIP de Soutelo de Montes tamén superan os 800.000 euros.

PLAN DE NOVA ARQUITECTURA

O Plan de Nova Arquitectura pedagóxica constitúe a folla de ruta coa que a Xunta está a modernizar as instalacións educativas facendo fincapé en cuestións como a mellora da eficiencia enerxética ou accesibilidade, entre outros aspectos. No seu marco, este verán a Xunta impulsou 444 obras de mellora en 305 centros educativos de Galicia, o que supón 87 actuacións máis que o pasado 2022. O orzamento é de 76,5M€, un 19% máis.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023