A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro coa Asociación Provincial de Taxis de Ourense e de Fegataxi

Ethel Vázquez anuncia a ampliación en 400.000 € das axudas para adquirir taxis adaptados, de baixas emisións ou eléctricos, mobilizando neste exercicio un total de 900.000 euros

Os incentivos acadan os 10.000 € no caso dos eurotaxis, 6.000 € para a compra de vehículos de cero emisións e de 4.000 € para taxis de baixas emisións, sendo as axudas compatibles entre si

Amplíase a convocatoria publicada en novembro de 2022, que esgotou o crédito de 500.00 €, e permitiu a concesión de case 90 axudas

Vázquez Mourelle subliña que desde 2016, e de xeito ininterrompido, a Xunta leva concedido axudas por máis de 5,4 M€ que facilitaron a compra de 850 taxis adaptados

Trasládalle aos taxistas de Ourense o apoio da Xunta na súa reivindicación ante Adif e o Goberno de España de que dote, de maneira urxente, unha marquesiña na parada de taxi da estación inintermodal, porta de entrada do AVE en Galicia

Expresa a preocupación da Xunta polos prazos que manexa o Goberno de España para a execución da parte ferroviaria da intermodal, ao suspender a súa contratación e non coñecer as datas previstas para a súa execución

Ourense, 22 de setembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe en Ourense a ampliación en 400.000 € das axudas para adquirir taxis adaptados, de baixas emisións ou eléctricos, mobilizando en total neste exercicio un total de 900.000 €.

 

Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, informou do incremento do crédito dos incentivos da Xunta que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia no encontro mantivo cos representantes da Asociación Provincial de Taxis de Ourense, encabezados polo seu presidente, Francisco Javier Álvarez. Tamén participou o presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia, Manuel Sánchez Quindimil e representantes desta entidade.

 

A conselleira emmarcou esta iniciativa na aposta do sector por modernizarse e adaptarse aos novos tempos, apoiada pola Xunta. O obxectivo, dixo, é sumar ao sector do taxi ao compromiso activo na loita contra o cambio climático, a través de vehículos menos contaminantes; e tamén ao compromiso pola inclusión social, financiando a adquisición de taxis adaptados para cubrir a demanda de desprazamentos das persoas con necesidades especiais de mobilidade.

 

A medida presentada aos taxistas está en consonancia cos obxectivos da Semana Europea da Mobilidade, que remata hoxe, e que baixo o lema: Combina e Móvete, ten como tema fundamental este ano, a eficiencia enerxética.

 

Tal e como detallou a titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, as axudas publicadas hoxe no DOG para facilitar a mobilidade das persoas e contribuír ao coidado do medio, ascenden aos 10.000 € para adquisición de taxis adaptados (eurotaxis); de 6.000 € para vehículos cero emisións (eléctricos); e de 4.000 € no caso dos taxis de baixas emisións (híbridos ou de gas). Estas axudas son compatibles entre si.

 

A conselleira destacou que se amplía así a convocatoria publicada no mes de novembro, por importe de 500.000 €, á que se presentaron máis de 350 solicitudes e que permitiu atender case 90 solicitudes, esgotándose o crédito. Engadiu que, para chegar máis lonxe, faise esta ampliación do crédito, sumando en total as axudas a taxis adaptados, eléctricos e de baixas emisións neste exercicio 900.000 €.

 

Ethel Vázquez subliñou que desde o 2016, que foi cando se iniciou esta liña de apoio, ininterrompida, ao sector do taxi, o Goberno galego leva concedidas axudas ao sector para a renovación do parque móbil por máis de 5,4 M€, facilitando a compra de 850 vehículos.

 

Segundo remarcou, con estes incentivos a Xunta aposta por seguir apoiando a un sector que dá emprego a preto de 3.500 familias en Galicia e que presta un servizo esencial, favorecendo e garantindo a mobilidade da xente.

 

No encontro, a conselleira tamén lles trasladou aos taxistas de Ourense o apoio da Xunta na súa demanda e reivindicación ante Adif e o Goberno de España de que dote, de maneira urxente, unha marquesiña na parada de taxi desta intermodal. A Xunta súmase aos taxistas para demandar a máxima axilidade na dotación da marquesiña que permita resgardarse das inclemencias meteorolóxicas aos profesionais e aos usuarios da estación, que é porta de entrada do AVE en Galicia.

 

Ethel Vázquez expresou a preocupación polos prazos nos que o Goberno de España vaia atender esta petición, tendo en conta que deixou en suspenso a contratación da parte ferroviaria da intermodal. A este respecto, lamentou a falta de información da Xunta sobre as datas concretas e certeiras en relación á remodelación da parte ferroviaria da intermodal e os prazos que manexa o Goberno de España para a súa execución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023