A Xunta avanza nas obras do aparcadoiro disuasorio de Domaio, en Moaña, cun investimento de máis de 877.000 €

Os traballos están a centrarse no movemento de terras, unha vez realizado o estudo de prospección arqueolóxica e obtida a correspondente autorización de Patrimonio

Este aparcadoiro de 75 prazas situarase na PO-551, próximo ao enlace de Rande, como prolongación do existente na marxe dereita desta vía, no punto quilométrico 33+250

Haberá carrís de circulación interior dun sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil

A actuación enmárcase nos proxectos da Xunta para transformar a mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023

A Xunta está a avanzar nas obras de execución do aparcadoiro disuasorio na estrada autonómica PO-551, en Domaio, no concello de Moaña, que supoñen un investimento de máis de 877.000 euros.

Os traballos están a centrarse estes días nos movementos de terras necesarios para seguir progresando cara á execución do aparcadoiro. 

As obras iniciáronse en agosto, cos traballos preliminares de implantación e preparación do terreo. A partir de aí foi necesario dedicar unhas semanas á redacción dun proxecto de prospección arqueolóxica que xa foi executado. 

Agora, xa cos resultados, e coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, continúanse os traballos, xa con maquinaria. 

O obxectivo é acometer un novo aparcadoiro nas proximidades do enlace de Rande, como prolongación do xa existente na marxe dereita da estrada autonómica, no punto quilométrico 33+250.  

Estas instalacións disporán de 75 prazas, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, e preinstalación de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.  

Haberá carrís de circulación interior dun só sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil. 

A actuación enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023