A Xunta colabora coa mancomunidade do Salnés na adquisición de maquinaria a través do fondo de compensación ambiental

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asistiu á presentación da minicargadora financiada polo Goberno galego cunha achega de 39.000 euros

A través desta medida de apoio ao eido local, os nove concellos do Salnés mancomunados recibiron preto de 668.000 euros nos últimos anos

O Grove (Pontevedra), 22 de setembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe no Grove a dotación adquirida pola Mancomunidade do Salnés co apoio da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental. Trátase dunha minicargadora ultracompacta para o servizo compartido de conservación, reposición e restauración do medio natural e reequilibrio territorial. A achega do Goberno galego ascende a 39.000 euros.

As características da dotación, de reducidas dimensións, van facilitar as actuacións de limpeza e mellora de pistas, rutas de sendeirismo e BTT, áreas recreativas, paseos e cunetas dos núcleos rurais da Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

A iniciativa enmárcase na convocatoria deste ano do Fondo de Compensación Ambiental, a liña específica de apoio ás administracións locais para o desenvolvemento de accións a prol da contorna. Ao abeiro destas axudas, a Mancomunidade do Salnés recibiu nos últimos anos preto de 668.000 euros para materializar proxectos como a mellora da eficiencia enerxética da súa sede, a instalación dun sistema fotovoltaico na estación de bombeo de auga e diversas actuacións ambientais.

Dotado con 8,2 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental beneficiou este ano preto dun cento de concellos a través da liña competitiva e máis dun cento a través da non competitiva, destinada a localidades con parques eólicos nos seus territorios.

A Xunta colabora así no financiamento de servizos municipais dedicados á protección do medio. Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023