A Xunta destaca a importancia de que a sociedade coñeza os proxectos e actuacións financiadas con fondos europeos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos participou na inauguración do Acto Anual de Comunicación de Fondos Europeos

Vilagarcía (Pontevedra), 22 de setembro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a importancia de que toda a sociedade coñeza os proxectos e actuacións financiadas con fondos europeos.

Miguel Corgos participou esta mañá na inauguración do Acto Anual de Comunicación de Fondos Europeos onde sinalou que as administracións deben facer unha gran esforzo para trasladar a toda a cidadanía e a todos os sectores o que supoñen os recursos procedentes da Unión Europea, como se materializan en proxectos, que logros se están acadando e como benefician aos seus destinatarios e á sociedade en xeral.

Segundo explicou, a percepción e a xestión dos fondos europeos é vital para o progreso das rexións, por iso, resulta fundamental dar a coñecer os distintos Programas europeos e as oportunidades de financiamento que ofrecen, pero tamén, facer visibles os proxectos que xa están en marcha. Trátase de comunicar os logros que se alcanzan co financiamento da UE e informar deles ao público en xeral.

Feder e FSE

Durante a súa intervención, o conselleiro lembrou que os recursos do Feder se centran na mellora da competitividade empresarial, a innovación e a dixitalización, a preservación e mellora do medio ambiente e o patrimonio natural, o fomento de enerxías renovables e da eficiencia enerxética, e no financiamento de infraestruturas e equipamentos educativos, sanitarios e sociais.

Pola súa banda, o Fondo Social Europeo está orientado a financiar o investimento en capital humano, o impulso dun elevado nivel de educación e formación para a cidadanía, e a loita contra a pobreza e para a inclusión social.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023