A Xunta consultiva de urbanismo emitiu no seu primeiro ano de actividade 91 informes que axudaron a aplicar a normativa sectorial e resolver dúbidas interpretativas

O órgano autonómico foi constituído en xullo do ano pasado co fin de avanzar na simplificación e eficacia da tramitación dos procedementos administrativos en materia urbanística e de ordenación do territorio

Ante as dúbidas trasladadas por concellos e promotores, destaca o informe que acredita que a instalación de paneis solares ou fotovoltaicos para autoconsumo pode facerse, por norma xeral, sen redactar proxecto de obra nin tramitar licenza

Outro dos temas sobre os que se pronunciou a Xunta Consultiva é a substitución da licenza de primeira ocupación de vivendas por unha simple comunicación previa, ratificando que 15 días despois da súa presentación xa se pode vivir no inmoble

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu durante o seu primeiro ano de funcionamento un total de 91 informes que serviron para axilizar e facilitar aos concellos a aplicación práctica da normativa sectorial en vigor e axudaron a profesionais e outros colectivos do sector a resolver certas dúbidas interpretativas relacionadas coa materia, reforzando así a seguridade xurídica nun eido tan complexo e sensible como o urbanístico.

O Consello da Xunta foi informado esta mañá do balance de actividade deste organismo, dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e creado para asesorar de forma áxil e eficaz tanto ás administracións como aos axentes económicos e sociais implicados na ordenación do territorio e o urbanismo.

Entre as súas funcións cómpre destacar a de emitir informes preceptivos sobre proxectos normativos relacionados con esta materia, aclarar e axudar a interpretar a lexislación sectorial vixente a aquelas entidades públicas e privadas que no exercicio da súa actividade deben tramitar expedientes urbanísticos ou obter permisos e licenzas, e promover instrucións interpretativas que faciliten a aplicación práctica da normativa.

Desde a súa constitución en xullo do ano 2022, a Xunta Consultiva emitiu 91 informes, na súa maior parte elaborados a petición de entidades municipais, pero tamén algún a instancias de colexios profesionais, empresas e outros departamentos autonómicos.

Dentro deste balance inclúense tamén 3 instrucións feitas coa colaboración de organismos públicos e entidades profesionais relacionadas coa materia. Unha delas, impulsada de forma conxunta entre as direccións xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, responde ás numerosas dúbidas e consultas que ten xerado entre concellos e promotores a instalación de paneis solares ou fotovoltaicos destinados a autoconsumo.

A conclusión da Xunta Consultiva é clara: pode facerse, como norma xeral e sempre que a súa colocación non altere a configuración exterior ou estrutura dos edificios nos que se instalan, mediante a presentación dunha comunicación previa, sen necesidade por tanto de redactar un proxecto de obra nin de tramitar licenza urbanística.

Ademais, tras a modificación da Lei do solo aprobada a comezos de 2023 para substituír a licenza de primeira ocupación de edificios e vivendas por unha comunicación previa —o que permite reducir o trámite de varios meses a poucos días—, o órgano autonómico considerou necesario pronunciarse sobre esta nova regulación.

Así, nun dos seus informes ratifica que transcorridos 15 días hábiles desde a presentación da referida comunicación, e cumprindo o inmoble con todos os requisitos exixidos, dáse por superado o trámite para poder ocupar a vivenda, sen necesidade de agardar a obter licenza expresa do Concello.

Por outra banda e ante as dúbidas suscitadas nalgúns concellos respecto das parcelas que se deben ter en conta para a obtención de licenzas urbanísticas en zonas afectadas por procedementos de concentración ou restruturación parcelaria que aínda non sexan firmes (as vellas ou as adxudicadas provisionalmente), emitíronse dous informes concluíndo que as fincas que se deberán considerar a tal efecto serán as novas.

Por último, o balance da actividade da Xunta Consultiva inclúe os 4 ditames preceptivos emitidos sobre os plans básicos de Riotorto, Trabada, Ribeira de Piquín e O Páramo, os primeiros concellos galegos en dotarse deste instrumento pensado para facilitar un mínimo desenvolvemento urbanístico en municipios de menos de 5.000 habitantes.

Documentación accesible en formato dixital

O primeiro ano de funcionamento do órgano autonómico e o ritmo de emisión de informes permitiu constatar un crecente interese pola función de asesoramento e tutela da Xunta Consultiva por parte dos distintos operadores técnicos e xurídicos que interveñen en Galicia neste eido e, en especial, dos concellos.

A maior parte das solicitudes foron presentadas por entidades locais: 79 dos informes emitidos responderon a consultas municipais sobre diversas cuestións e, de feito, moitos dos concellos pediron asesoramento no último ano en máis dunha ocasión.

Todos os ditames emitidos serven para resolver dúbidas concretas que se lle trasladan á Xunta Consultiva e, ao mesmo tempo, coordinar as respostas de xeito que a resolución dunha mesma cuestión sexa sempre a mesma.

Con este mesmo fin, toda a documentación está dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para facilitar o seu acceso a calquera cidadán así como aos distintos axentes que queiran coñecer a postura ou a interpretación deste órgano sobre cuestións de relevancia en materia urbanística e que poidan xerar certas dúbidas.

Ademais e tendo en conta a grande utilidade práctica destes informes, está previsto implantar unha serie de melloras técnicas para facilitar a localización e a busca dos documentos que se vaian emitindo por parte do público en xeral.

Data de actualización: 21/09/2023