A Xunta apoia con 2,8 M€ máis dun cento de proxectos para a mellora de instalacións de cultivos mariños cun investimento total superior aos 6 M€

Estas iniciativas inclúen actuacións para mellorar a produtividade das instalacións, a eficiencia enerxética ou as condicións de traballo, entre outras

O sector bateeiro é o principal beneficiario destas achegas, con preto do 90% do total, ao igual que no conxunto das subvencións concedidas desde a primeira convocatoria

O Executivo galego inxectou no sector preto de 40 M€ neste eido entre 2016 e este ano, un investimento que coa aportación privada ascende a arredor de 80 M€
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

O Consello da Xunta analizou hoxe o informe sobre a resolución da convocatoria de 2023 de axudas no eido dos cultivos mariños coas que o Executivo galego destina máis de 2,8 millóns de euros a investimentos produtivos no sector -principalmente de empresas de produción de mexillón- para mellorar a produción, a eficiencia enerxética e a súa competitividade. Estes apoios, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), cobren ata o 50% do investimento a realizar, polo que ao abeiro destas iniciativas está previsto mobilizar máis de 6 millóns de euros contando os fondos aportados polas empresas solicitantes.

A Consellería do Mar aprobou un total de 111 axudas, das que o 85% están vencelladas co sector da miticultura. A porcentaxe do orzamento aprobado para esta actividade é semellante, do 86%, con máis de 2,4 dos 2,8 millóns de euros concedidos. Os potenciais beneficiarios destas achegas son bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable e que sexan titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima e que teñan as súas instalacións na comunidade.

O Executivo galego subvenciona a través destas axudas actuacións de mellora dos establecementos do sector acuícola de xeito que a produción se incremente en cantidade e calidade, mellorando ademais as condicións de seguridade dos traballadores do mar, o seu rendemento global e a súa competitividade. Ao abeiro destas achegas tamén se financian proxectos para aumentar a eficiencia enerxética e a reconversión a fontes de enerxía renovables, accións que contribúen a que o sector medre e a xerar avances en materia de economía e emprego nas zonas costeiras de Galicia, o que redundará en beneficio do conxunto da comunidade.

A convocatoria destas axudas ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) permitiu aprobar entre 2016 e este ano -o derradeiro no que se aplicará o FEMP, que será relevado en 2024 polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa)- preto de 40 millóns de euros en axudas ao sector dos cultivos mariños, un apoio público que propiciou un investimento total, contando a aportación privada, que rolda os 80 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 21/09/2023