O presidente da Xunta participou en Pontevedra na inauguración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

Rueda garante o compromiso da Xunta co deporte galego para que continúe a ser estandarte de disciplinas como o tríatlon

Pontevedra,  21 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o compromiso do Goberno autonómico co deporte galego para que siga sendo estandarte de disciplinas como o tríatlon.

Así o manifestou na súa participación este serán na inauguración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra, que supón que por vez primeira estas probas se celebren en España, despois de que as anteriores finais tiveran lugar en cidades como Abu Dhabi, Yokohama, Cagliari, Montreal, Hamburgo e Sundeland.

“Estamos orgullosos de que Galicia sexa estes días a capital do mundo do tríatlon”, aseverou Rueda, quen considerou esta elección “un honor” e tamén “unha proba máis” de recoñecemento internacional do que goza actualmente a Comunidade galega.

O mandatario galego puxo en valor que Pontevedra ten sido escenario habitual de competicións de tríatlon desde hai máis de dez anos, organizando ademais campionatos europeos e internacionais. “Pontevedra é o mellor circuíto do mundo”, aseverou o mandatario galego facendo súas unhas palabras do deportista galego Javier Gómez Noya, icona mundial desta disciplina.

O presidente da Xunta remarcou o esforzo e a aprendizaxe que hai detrás de competicións deportivas do nivel desta final, cunha serie de valores como “a cordialidade, a convivencia e ofrecer o mellor dun mesmo”, que tamén atribuíu á ‘Marca Galicia’ que proxecta a comunidade.

Rueda salientou a participación nesta final de máis de 3000 deportistas procedentes de 57 países, que converten estes días a Pontevedra, en particular, e a Galicia, en xeral, no epicentro mundial do deporte durante estes días. Precisamente, apuntou que tamén Galicia conta coa súa “gran final”, en referencia a que é destino último das diferentes rutas do Camiño de Santiago. “Agardo que, como anfitrións, esteamos á altura e saibamos transmitirvos todo o aprecio que amosamos aos nosos camiñantes”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023